O goberno de Ames busca mellorar a transparencia na contratación de publicidade institucional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, reuniuse onte co secretario da Asociación de Medios en Galego Fernando de Paz co obxectivo de intercambiar criterios para mellorar a transparencia na contratación de publicidade institucional do Concello de Ames. Está previsto que a concelleira manteña reunións con outros profesionais de medios galegos, entre eles o presidente do Colexio Oficial de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, para seguir procurando xeitos de mellorar neste campo.

Isabel Vaquero expúxolle ao secretario da Asociación de Medios en Galego, Fernando de Paz Villasenín, unha serie de propostas baseadas na liña de transparencia que establece a Lei 29/2005 de Publicidade e Comunicación Institucional. Estas propostas céntranse na creación dunha Comisión de Comunicación e Publicidade do Concello de Ames, con presenza de  técnicos da Administración local e profesional, que, entre outras funcións, poida facer un seguimento no eido da publicidade institucional do Concello e resolver dúbidas e problemas. Tamén falou de propoñer un plan anual de publicidade institucional en consonancia co orzamento e coa programación anual de cada área, así como a publicación da memoria anual de publicidade institucional do Concello.

Fernando de Paz Villasenín, secretario da Asociación de Medios en Galego, afirmou que tales propostas van na liña de transparencia e equidade que procuran as agrupacións profesionais galegas do sector e amosouse favorable a colaborar co Concello de Ames na posta en marcha destas propostas, a espera dun pronunciamento da propia Asociación.

Na reunión falouse tamén de que na contratación da publicidade institucional débese evitar calquera tipo de convenio con medios de comunicación que poida supoñer unha axuda encuberta ou procurar un uso partidista dos medios. Abordouse a conveniencia de establecer criterios obxectivos e transparentes de contratación da publicidade en anuncios de carácter administrativo que teñan en conta a tiraxe, a difusión e o impacto dos medios na localidade, e precisouse que se debe prestar especial atención ao uso do galego. A calidade, o retorno económico no concello, o uso das redes sociais o ámbito-diana de difusión das campañas e eficiencia e o uso racional dos cartos públicos foron cuestións que tamén se abordaron nesta reunión.
Na actualidade La Voz de Galicia e El Correo Gallego prestan atención ao noso concello nas súas páxinas de local, do mesmo xeito que o fan as emisoras de radio e as televisións que operan no noso ámbito territorial.

Ademais no concello hai dous mensuais que teñen a Ames como obxecto de información: Ames Diario e AmesGo, e un máis, Lindeiros, que atende á comarca de Compostela e moi especialmente a Ames. Segundo Isabel Vaquero “Da análise dos gastos en publicidade propaganda dos exercicios do 2014 e o 2015, podemos deducir que hai unha clara discriminación dos medios locais e esta é unha cuestión que queremos emendar”.

Esta previsto que a concelleira de Comunicación continúe unha rolda de reunións con outros profesionais dos medios galegos, entre eles o presidente do Colexio Oficial de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro. 

18 de setembro de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.