O goberno de Ames atenderá á veciñanza todos os martes nas Oficinas municipais do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Sinatura do convenio de prácticas

Sinatura do convenio de prácticas

Dende hoxe o goberno municipal atenderá a veciñanza amesá e realizará xestións administrativas todos os martes nas oficinas municipais do Milladoiro. Deste xeito, esta maña o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, asinaron nestas instalacións un convenio para que unha persoa realice prácticas no departamento de Medio Ambiente co obxectivo de que participe no programa de actividades de divulgación ambiental da Aula da Natureza.

O alcalde estará todos os martes nas oficinas municipais do Milladoiro para resolver cuestións de tramitación municipal, realizar xestións administrativas e atender á veciñanza que se achegue por estas dependencias. Segundo explica o rexedor municipal “era necesario prestar este servizo no núcleo do Milladoiro xa que conta cunha poboación de máis de 12.000 habitantes”.

Esta medida enmárcase dentro das actuacións que o goberno municipal está levando a cabo de cara a mellorar a atención veciñal. Así, o alcalde e os concelleiros/as están atendendo en horario de tarde todas as peticións de cita que están realizando os veciños e veciñas polas diferentes vías de comunicación que existen coa Administración local.

Por outra banda, estase traballando na mellora da centraliña de chamadas para prestar unha mellor atención telefónica aos cidadáns. Ademais, nos vindeiros meses vaise a habilitar un número de teléfono gratuíto e de marcación curta (semellante ao 010) dirixido á atención veciñal. A través deste servizo preténdese mellorar a comunicación entre a cidadanía e a Administración local.    

Sinatura dun convenio

Esta maña o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, asinaron nas oficinas do Milladoiro un convenio coa entidade coordinadora UTE-GDOCE-Seguridad Gallega Nosa Terra SA-Alival Formación SL. A través deste acordo unha persoa poderá realizar prácticas profesionais (80 horas) para obter o certificado de profesionalidade. Esta persoa realizará as prácticas no departamento de Medio Ambiente co obxectivo de que participe no programa de actividades de divulgación ambiental da Aula da Natureza.

22 de setembro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.