O Goberno de Ames apoia as reivindicacións do sector lácteo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero e o concelleiro de Cultura e Educación, David Santomil e asistiron á manifestación en defensa do sector lácteo que se desenvolveu onte en Santiago. Coa presenza neste acto reivindicativo, o goberno da cumprimento o acordo plenario de apoiar ao sector, adquirido a través da aprobación dunha moción de “Adhesión en defensa do Sector Lácteo”, aprobada por unanimidade no pleno do 17 de xullo.

O goberno adheriuse á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo despois de que no pleno do mes de xullo fose aprobada unha moción presentada polo grupo municipal de Ames Novo. Decidiuse entón amosar o apoio expreso do Concello de Ames ao sector lácteo e deixar constancia da adhesión á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo e apoiar as mobilizacións co obxecto de facer patente e visible o apio institucional do Concello aos gandeiros de Galicia e aos milleiros de veciños e veciñas cuxa actividade económica depende, directa ou indirectamente, deste sector. Decidiuse tamén instar á FEGAMP a que se reuna de urxencia para canalizar as demandas dos concellos a prol da supervivencia do sector lácteo en Galicia, en defensa dos seus veciños e veciñas e instar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, a que articule as medidas de apoio ao sector.

“Coa nosa participación na manifestación queremos expresar o compromiso de todo o Concello co sector gandeiro, coa necesidade de que se tomen medidas políticas urxentes para garantir o dereito de milleiros de familias a producir e obter un prezo xusto,  pois os abusos de parte da industria e das distribuidoras están impoñendo prezos ruinosos por debaixo dos custos de produción”, manifestou o alcalde de Ames, José Miñones.

11 de setembro de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.