O galego tamén noutros mundos no CPI do Toural, en Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra cédelle a exposición O galego tamén noutros mundos ao CPI do Toural (Vilaboa). A mostra poderá visitarse no centro de ensino do 28 de setembro ao 9 de outubro.

O galego tamén noutros mundos consta de trece paneis nos que se mostra a universalidade da nosa lingua e no seu carácter aberto e internacional, que nos comunicou e nos comunica con outra xente e nos fai estar presentes noutras terras. A exposición incide na relación entre a nosa existencia e a nosa identidade; unha identidade propia que queremos mostrar e compartir con outras culturas e con outros pobos, para relacionarnos en igualdade.

A exposición é un percorrido pola nosa historia medieval, os centros galegos espallados polo mundo, as traducións literarias directas e inversas, o éxito internacional da nosa música, a posibilidade de entendérmonos en galego con persoas doutros continentes, o valor engadido que representa a lingua para a mercadotecnia e publicidade dos produtos e a riqueza, modernidade, utilidade e universalidade da nosa lingua.

• Panel 1. Presentación

• Panel 2. Introdución

• Panel 3. O galego, a lingua dun reino

• Panel 4. Unha lingua internacional

• Panel 5. Unha estadounidense, poeta en galego?

• Panel 6. Unha lingua emigrante e exiliada

• Panel 7. O mundo en galego

• Panel 8. Conectados/as á rede

• Panel 9. Galician sounds

• Panel 10. Podo estudar galego en Budapest?

• Panel 11. A nosa lingua unha marca de calidade • Panel 12. Falantes orgullosos/as

• Panel 13. O galego tamén no meu mundo

Esta actividade enmárcase no programa que desenvolve o Concello de Pontevedra para promover a normalización da lingua galega entre a mocidade, para dinamizar o uso da lingua a través do coñecemento e da reflexión sobre distintos aspectos da nosa realidade.

As exposicións da Concellaría de Normalización Lingüística están á disposición de calquera colectivo que as solicite: centros educativos, asociacións e outras entidades interesadas na dinamización e promoción do uso do idioma galego.

25 de setembro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.