publicidade hoxe

O Fiotiño estende a maxia das artes escénicas a cinco días de actividades en Carballo para case de 60 nenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Seguindo o camiño iniciado hai dous anos coa novidosa aposta de achegar o teatro ao público máis miúdo no mesmo espazo que se se crea e goza todo o mes de outubro, a terceira edición da programación infantil do “Fiotiño” preséntase con novidades por triplicado. Ademais da habitual Noite Branca durante a que os nenos pasan a tarde no teatro e dormen no mesmo escenario do Pazo da Cultura, nesta 24 edición do Festival Internacional Outono de Teatro unha trintena máis de cativos aprendera a crear un guión para converterse en locutores de teatro radiofónico e a contar contos coma os grandes profesionais da Rúa dos Contos. Por terceiro ano consecutivo, o campamento de farándula (que leva por título Noite Branca) co que Fiotiño enche de maxia infantil o Pazo da Cultura, daralle a oportunidade a 25 rapaces de 6 a 12 anos de coñecer os segredos do teatro in situ e nun horario moi especial: durante a noite.

Será desde as 19.00h do venres 2 ás 11.00h do sábado 3 de outubro. Na inscrición, cun custe de 20€, teñen preferencia os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte, coorganizadora do FIOT xunto con Concello de Carballo. O grupo protagonizará divertidos obradoiros que os achegarán emocionalmente ao teatro, conectándoos co mundo do FIOT e converténdoos en protagonistas do “momento de contar un conto” para os espectadores da platea. A cea, a noite nos sacos de durmir e o almorzo da mañá seguinte forman parte da escenografía e da aventura lúdica chea de sorpresas e moito teatro.

Co obxectivo de seguir achegando as artes escénicas ao público de todas as idades, nesta 24 edición as actividades dedicadas ao público infantil do FIOT decidiron ampliarse con dous interesantes obradoiros. O primeiro deles, denominado “Como facer un conto?” terá lugar o sábado 10 de outubro (11.00 a 13.00h) no Pazo da Cultura, estando dirixido a rapaces de a partir de 9 anos. Trátase dunha experiencia para estimular a linguaxe oral, a imaxinación e a creatividade, ademais de xogar coas propias emocións e as dos compañeirospara mellorar a empatía e a autoestima. A terceira proposta do Fiotiño 2015 leva por título “Locutores de radio”, os sábados 17, 24 e 31 de outubro (de 11.00 a 13.00h) na Biblioteca Rego da Balsa.

En tres xornadas intensas, os asistentes aprenderán a escribir e dramatizar un guión teatral para radio. A actividade, dirixida a nenos a partir de 10 anos, concíbese coma unha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo. Ambos obradoiros desenvolveranse no Pazo da Cultura e contan, cada un, con 15 prazas. Os interesados en inscribirse deben dirixirse ao 1º andar do Pazo da Cultura de Carballo (rúa do Pan, s/n), sede do FIOT desde este luns 21 ás 11.00h ao martes 29 de setembro ás 14.00h.

18 de setembro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.