O festival urbano internacional DesOrdes Creativas arranca o vindeiro luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

Ordes prepárase para acoller unha nova edición do festival internacional de arte na rúa DesOrdes Creativas. Unha iniciativa creativa e cultural que dará comezo o vindeiro luns, 5 de outubro, e que este ano contará con artistas e muralistas da fama de Spok, Sabek (Madrid), Ino (Grecia), Malakkai (Almería), Doa (Galiza).

Todos eles empregarán muros, valos e espazos públicos e privados como lenzos nos que plasmarán as súas obras. Trátase de creacións, en moitas ocasións de grandes dimensións, coas que se pretende, por un lado, denunciar e concienciar á veciñanza sobre aspectos, valores e problemáticas actuais. O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social, que converte vellos espazos en desuso ou abandonados en novos lugares cheos de vida e cor para o desfrute colectivo. Un grande museo público e gratuíto a ceo aberto, co que tamén se pretende combater o feísmo urbano dalgunhas das zonas da vila a través da cor e da arte. Unha iniciativa que se vén desenvolvendo ininterrompidamente dende o ano 2010 grazas ásensibilidade, esforzo e amor incondicional de organizadores e colaboradores, así como polo traballo altruísta dos artistas participantes. 

Ademais de contar coa colaboración do Concello de Ordes nesta nova edición  hai que mencionar á asociación cultural Cultivarte e ao colectivo creativo Mutante. Ademais o vindeiro 9 de outubro celebrarase unha gran festa de clausura no pub Jatopús a partir das 22.30 horas.

30 de setembro de 2015 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.