O festival Reperkusión celebra a súa decimoterceira edición o 11 e 12 de setembro
A decimoterceira edición do Reperkusión, que terá lugar os vindeiros 11 e 12 de setembro na Cidade dos Muchachos (Benposta), presentouse esta mañá no salón de pelnos do Concello de Ourense coa presenza da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e dos organizadores do evento, Emilio Oro e Xurxo Seara. O Festival, que conta cunha achega económica de 14.520 euros do Concello de Ourense, repite a fórmula de mestura de música e actividades de día para todos os públicos, entre as que destacan a Empolada e a Kazurrada.
A Concelleira de Cultura quixo agradecer o esforzo da Agadic polo apoio que a institución vén dando ás actividades culturais que celebramos nesta cidade, e quixo lembrar a dispoñibilidade de transporte público: “Non é preciso coller o coche para disfrutar desta actividade. A organización disporá unha zona de aparcamento no Paco Paz, e por alí pasarán os máis de 100 buses que unirán a cidade e Benposta durante todo o festival”, dixo. Concretamente, son as liñas 14 (Viso-Cumial), 33 (Quintela-Cumial) e 25A (Mouchobús: Vinteún – Cuña). O Especial fará un percorrido similar ao da liña 12 (Estación buses – Expourense). Desde a Agadic, pola súa banda, destacouse o “bo saber medrar do Reperkusión, sen perder o espíritu lúdico e a fraternidade que veñen demostrando desde a primeira edición”, en palabras de Jacobo Sutil.
No tocante á organización do certame, o Rerkusión mantén as entradas de 20 euros por día para as actividades de noite, con zona de acampada e actividades diúrnas para todos os públicos. Entre as novidades deste ano, destaca a Kazurrada, unha actividade “orixinal na que pretendemos que o público que veña non o faga só a mirar, senón que sexa tamén partícipe da actuación”, segundo Emilio Oro. Trátase de crear unha grande orquestra de kazoos, instrumento musical que se pode facer manualmente, e co que só fai falla tararear as cancións que se propoñan desde o escenario.
Toda a información sobre grupos, horarios e actividades, en www.reperkusion.com
Entroido de Verán
A concelleira de Cultura quixo lembrar, por outra banda, que se mantén aberta a inscrición para participar no Entroido de Verán ata o 17 de setembro. O Entroido, que será o sábado 19 por diferentes lugares da zona vella, repartirá 1.575 euros en premios para os participantes no concurso de disfraces en categorías individual, por parellas e grupos (de máis de catro persoas).
Para participar só é preciso anotarse na Concellería de Cultura, no Auditorio Municipal, ou no teléfono 988.391.290.











