publicidade hoxe

O Festival de Teatro Galego clausúrase no Carballiño cun 42% máis de público que o ano pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O 26º Festival de Teatro Galego (FETEGA) chega este venres ao seu punto e final. Despois de catro intensos días con programación en horario de mañá, tarde e noite para público infantil, familiar e adulto, a cita co teatro galego no Carballiño despídese este ano cunha gran gala que terá lugar a partir das 22,30 horas este venres no Auditorio Municipal, e cun moi bo sabor de boca.

Os datos falan por si sos. Ao longo desta semana, ao redor de 2.800 persoas asistiron aos obradoiros e espectáculos programados na rúa para público infantil e familiar na Praza do Concello e no Anfiteatro da Veracruz; e unhas 1.400 persoas acudiron ás funcións nocturnas no Auditorio. En total, FETEGA 2015 contou con 4.200 espectadores, o que implica un incremento significativo, sobre todo nos espectáculos do Auditorio para público adulto, por onde pasaron grandes nomes da escena galega como Carlos Blanco e Celso Fernández Sanmartín, Ibuprofeno Teatro ou Compañía Floristería e Artesa Compañía. E é que o número de entradas vendidas neste FETEGA foi un 42% superior ao do ano pasado.

Con este balance positivo, FETEGA 2015 pecha este venres as súas portas, cunha gala nocturna no Auditorio conducida por Quico Cadaval e na que ademais Mofa e Befa representarán o seu “Bobas & Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro’, protagonizado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, cun ritmo vertixinoso no que non faltarán os textos clásicos, o humor e o teatro en verso, nunha peza fiada por uns particulares segadores que van a Castela.

Na Gala entregaranse ademais os agardados Premios do 26º FETEGA, que, neste caso, e despois das votacións do público e do xurado profesional formado por Roi Vidal, Juan Carlos Corredoira e José Leis Martínez, recaen nos seguintes:

Mellor Actriz (elixida polo xurado): Isabel Risco

Mellor Actor (elixida polo xurado): Celso Fernández Sanmartín

Mellor Espectáculo (elixido polas votacións do público cada día): “O furancho” de Ibuprofeno Teatro

Premio de Honra FETEGA 2015 (elixido pola organización de FETEGA): Roberto Vidal Bolaño.

Os premios consistirán, á parte da nominación, nunha escultura do artesán do Carballiño Chicho Carballido.

Roi Vidal, fillo de Roberto Vidal Bolaño e enormemente sorprendido e agradecido polo Premio, destacou, durante a roda de prensa ofrecida esta mañá no Carballiño, que é “unha fachenda” para a familia que se siga recoñecendo a seu pai falecido. “Un dos meus obxectivos vitais é que a memoria de meu pai non se perda”, afirmou emocionado, ademais de destacar que, despois de toda esta semana no Festival, constatou que o mundo bolañés segue presente no teatro galego hoxe en día. “Hai herdanza e estou moi orgullo diso”, delcarou. Pola súa banda, Josi Lage, directora de FETEGA, destacou que tivo a oportunidade de traballar con Roberto Vidal Bolaño como actriz hai moitos anos, que el foi unha persoa que sempre estivo no Festival e que por iso, este ano, a organización decidirá outrogarllo a el.

Sobre o Premio ao Mellor Espectáculo, que todos os anos o decide o público coas súas puntuacións en papeletas ao rematar as funcións, é de salientar que “O furancho” obtivo unha nota media de 9,4 sobre 10; seguida de “Arenteiro” de Carlos Blanco e Celso Fdez Sanmartín, que obtiveron unha nota de 8,89 sobre 10; e “Eu encargábame dos nenos e o meu home da parte dos gastos”, de Compañía Floristería e Artesa Cía, que obtivo un 5,44 de nota.

En nome do xurado, Juan Carlos Corredoira deu os parabéns na roda de prensa a todas as compañías participantes no 26º FETEGA e destacou a conexión coa tradición oral galega de Celso Fernández Sanmartín e a forza, enerxía desbordante e actitude crítica de Isabel Risco. “Foron interpretacións moi frescas, cunha gran interacción co público”, explicou. Corredoira tamén deu os parabens a todas as compañías de teatro infantil que estiveron no Festival, aínda que elas non optaran a ser premiadas.

O alcade do Carballiño, Francisco Fumega, e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, afirmaron que para eles é unha satisfación que eventos como FETEGA leve o nome do Carballiño a situarse como referente das artes escéncias en Galicia.

Un festival que custa 18.000 euros e deixa na vila 50.000 euros

Facendo unha análise máis pormenorizada do que pasou no Carballiño esta semana, e segundos as análises realizadas nos últimos días, o 58% dos asistentes a FETEGA son mulleres, e a franxa de idade maioritaria dos asistentes está nos 35-45 anos (38%). En canto á procedencia do público, o 50% é do Carballiño e comarca, un 17% ven de Santiago de Compostela, un 10% de Vigo; un 8% do resto de Galicia; un 7% de Portugal e un 2% de Asturias ou de Castela e León.

O gasto medio por persoa que ven ao FETEGA de fora do Carballiño no concello é de 30 euros e o 7% do público de fora pernocta no Carballiño, cun gasto medio de 71 euros.

A valoración é positiva no sentido de que o custo do festival este ano foi de 18.000 euros e o retorno na vila foi de 50.000 euros. É dicir, que por cada euro investido en FETEGA, quedan nos negocios do Carballiño 3 euros grazas ao público que asiste e gasta no concello.

Tamén de salientar é o elevado número de visitas que tivo a web. Fetega.com chegou ás 32.000 visitas nos últimos dez días, sendo unha canle de referencia para estar ao día da actualidade do Festival.

Programación completa do último día

Antes da noite, na última xornada do 26º FETEGA tamén haberá, un día máis, obradoiros para os máis pequenos da casa. Neste venres serán obradoiros de tarabelas, igual que todos os días anteriores, totalmente de balde, impartidos por Viravolta, pola mañá de 12 a 14 horas e pola tarde de 17 a 19 horas, na Praza do Concello.

E no Anfiteatro da Veracruz, a partir das 19:30 horas, este venres cativos e maiores que se acheguen ata alí poderán ver a actuación sorprendente dos Magos do Ribeiro.

11 de setembro de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.