publicidade hoxe

O Festival de Teatro Galego chega no Carballiño á súa 26ª edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioO CarballiñoOurense
A-
A+
Presentación do Festival de Teatro Galego

Presentación do Festival de Teatro Galego

O Festival de Teatro Galego celebra este ano a súa vixésimo sexta edición que terá lugar no Carballiño, os días 8, 9, 10 e 11 de setembro. O acto de presentación tivo lugar no Pazo Provincial esta mañá no que estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado de Cultura, Manuel Doval; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a directora do FETEGA, Josi Lage; e actores das diferentes compañías que actuarán no festival.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa dende hai anos porque “entendemos que festivais como o FETEGA contribúen a dinamizar a actividade cultural da provincia e a aportar valor engadido a un territorio que, de seu, conta xa cun atractivo innegable”, asegurou Rosendo Fernández, e engadiu, “este festival é xa un referente das artes escénicas en Galicia, e reunirá no Carballiño a grandes compañías do panorama artístico galego, convertendo esta vila, durante uns días, na capital do teatro de Galicia”.

O festival desenvolverase do 8 ao 11 de setembro e ademais das actuacións diarias das diferentes compañías haberá actividades de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas que consistirán en talleres de malabares e circo, taller de instrumentos musicais do mundo así como distinto obradoiros de máscaras e papiroflexia, entre outros.

Francisco Fumega agradeceu que Carballiño poida contar cun “evento cultural desta magnitude e desta altura como é FETEGA”.

As entradas para as actuacións terán un custo de 8 euros, aínda que “o primeiro día os asistentes terán a oportunidade de adquirir un bono con desconto de 25 euros que inclúe as funcións das catro noites, os demais días o bono será de 30 euros”, asegurou Josi Lage.

Manuel Doval destacou a relevancia de teatro na educación, afirmando que é importante “que os nenos acudan ó teatro, que nos colexios se faga teatro e o teatro vai a facer que os nenos se desenvolvan no sentido amplo. É conveniente que nenos e nenas crezan non só fisicamente senón tamén intelectualmente”.

Un dos actores presentes no acto, Carlos Blanco, presentou a súa comedia “Arenteiro”, que xunto a Celso Fernández Sanmartín abrirá o festival, e asegurou que se trata dunha obra pret á porter, “feita ex profeso para esta ocasión e non vai a ter continuidade”, trátase dun show escénico único e exclusivo que non se volverá a repetir.

Este Festival de Teatro Galego congrega ademais a grandes compañías das artes escénicas de Galicia como son “Ibuprofeno Teatro”, “Mota e Befa”, “Compañía Floristería e Artesa Cía”.

O último día terá lugar a entrega de premios ao mellor espectáculo teatral que será elixido polo público, premio á mellor actriz ou actor que o deciden críticos de arte, así como o premio de honra.

7 de setembro de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.