O espectáculo “Chirigóticas” substitúe a “El Greco y la legión Tebana”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Por motivos alleos ao Teatro Colón e debido á indisposición de parte do elenco, o espectáculo ‘El Greco y la legión tebana’ non poderá verse o venres 11 de setembro tal e como estaba previsto. Por deferencia e respecto ao público coruñés tanto a produtora coma o teatro buscaron unha alternativa, de xeito que o vindeiro venres 11 poderá verse no escenario herculino a comedia ‘Chirigóticas’, unha proposta desenfadada e satírica que nos transporta ao carnaval gaditano.

Con dramaturxia e dirección de Antonio Álamo ‘Chirigóticas’ traspasa os límites do humor para amosarnos tres historias distintas a través da sátira, o discurso crítico e a ironía. Alejandra e Ana López Segovia e Teresa Quintero dan vida aos distintos personaxes de ‘La tela te lo vale’, ‘Emigrantas’ e ‘Cambio de Estado’, as tres historias que compoñen ‘Chirigóticas’ e que nos falan dun mercado na rúa, un grupo de mulleres que emigran na procura dunha vida mellor e un noiva que durante a súa despedida de solteira cambia de opinión respecto ao matrimonio.

Aquelas persoas que adquirisen entradas para ver ‘El Greco y la legión Tebana’ poden solicitar a devolución no prazo dun mes a partir do día da función a través da mesma canle pola que as adquiriron, o Teatro Colón ofreceralles ademais unha invitación para o espectáculo que escollan –suxeito a dispoñibilidade- polas molestias ocasionadas.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. 

4 de setembro de 2015 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.