O entorno do Pazo de Mos acolle un festival musical intercéltico esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMos
A-
A+
Presentación do festival intercéltico

Presentación do festival intercéltico

Esta fin de semana celebrarase o I Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’. A entidade organizadora deste evento cultural e musical é o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos. O Festival Intercéltico  ‘O Son do Pazo’ é un festival de música folk que se vai  realizar en Mos, concretamente no entorno do Pazo de Mos, a vindeira fin de semana: os días 4 e 5 de setembro. Esta vai a ser a primeira edición, para a cal contarase con grandes grupos do mundo folk; pretendendo que este Festival se convirta nun referente da música galega, tanto neste Concello como na zona sur de Galicia e norte de Portugal.

Como xa se dixo o evento esta organizado polo  Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, (con sede no Pazo de Mos), contando como principais colaboradores o Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra.

A idea principal é consolidar este evento como un referente da música galega, pasando a formar parte dunha das citas máis importantes do panorama folk. Tamén se persegue o obxectivo de converter este evento nun festival intercéltico onde o público poida gozar  non só de grupos galegos, senón tamén de grupos doutras culturas Celtas.

Os asistentes a este Festival contarán cun lugar para poder realizar acampada libre e así  poder disfrutar dos dous días de concertos.

A programación constará dos seguintes concertos: o venres 4 de setembro a partir das 22:00 horas apertura do Festival con A Vacaloura Vermella, Riobó e Son de Seu; e o sábado día 5 a partir das 12:00 horas pasarrúas e sesión vermú a cargo da Banda de Gaitas Marino Tapiega e Tapia Casariego (Asturias) e da Banda de Gaitas Airiños do Castelo, e a partires das 21.30 horas Banda de Gaitas Airiños do Castelo, Banda de Gaitas Marino Tapeiga, Os Dabaixo, e Budiño & Uxía. O domingo ó longo de todo o día haberá un pulpeiro e obradoiros de artesanía e baile. Durante os dous días do Festival haberá exposicións de coiro e instrumentos  traicionais.

Ademais o sábado día 5 celebrarase unha concentración e ruta de motos Vespa na que os propietarios e/ou conductores dunha destas motocicletas poderán inscribirse ás 17.00 horas da tarde, para a continuación partir cara á ruta e regresar para a entrega de diplomas ás 20.30 horas no Pazo de Mos.

3 de setembro de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.