O Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo cumpre 10 edicións como un dos foros de turismo de saúde máis importante de Europa e América

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Termatalia 2015 ultima xa o seu programa científico que abordará o turismo de saúde e benestar desde distintas perspectivas. As xornadas técnicas que organiza a feira, denominadas Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo, celebran nesta edición o seu décimo aniversario convertidas nun dos foros sobre turismo de saúde máis importantes do Mundo que presenta as últimas investigacións científicas e os proxectos máis innovadores no desenvolvemento do termalismo a nivel mundial. Esta edición contará coa participación de máis de 50 expertos procedentes dunha quincena de  países de Europa e América Latina principalmente, aínda que tamén presentarán as súas experiencias profesionais de países como Estados Unidos. 

O 10º Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo celebrarase os días 24 e 25 de setembro en Expourense e concluirá o sábado 26 coa realización de rutas termais que permitirán aos asistentes coñecer distintos centros de Galicia e do Norte de Portugal. O programa científico estará dividido en catro sesións que abordarán o turismo de saúde desde distintas ópticas e en todas elas participarán os principais expertos do sector e representantes das entidades que xestionan o turismo en distintos países. 

A primeira xornada, xoves 24 de setembro, celebrará o Encontro de Cidades Termais que presentará a experiencia e traxectoria de poboacións cuxo desenvolvo xira en torno ao termalismo. Participan nesta edición as localidades de Cuatla-Agua Hedionda (Estado de Morelos, México), a provincia de Santiago del Estero (Argentina), Monchique (Portugal), Baños de Agua Santa (Ecuador) e Aguas de Lindoia (Brasil). Este encontro acollerá ademais a presentación por parte da Eurocidade Chaves-Verín da “Ruta termal e da auga: ecovía transfronteiriza do Támega” e na que participarán os alcaldes de ambas as localidades.

Presentaranse tamén dentro desta xornada os últimos proxectos sobre a creación de redes de cidades históricas. Así, o Project manager de Itinerarios Culturais da Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal (EHHTA), o italiano Luca Bruschi, presentará as novas oportunidades para o desenvolvemento do turismo sustentable nas cidades que pertencen a esta entidade e entre as que se atopa Ourense, sede de Termatalia. Pola súa banda, o presidente da Asociación Europea de Balnearios (ESPA), o alemán Joachim Lieber, presentará o itinerario europeo de baños termais romanos.  

A sesión de mañá da segunda xornada do Encontro, venres 25 de setembro, estará dedicada ao “Turismo, Innovación e sustentabilidade” e contará coa presentación dos novos produtos turístico-termais en España coa participación de Galicia, Castela-a Mancha, o IMSERSO e do Cluster de Turismo de Saúde de España (Spaincares). Celebrarase unha mesa redonda sobre estratexias de posicionamento e desenvolvemento no mercado do turismo de saúde no que participarán destacados relatores como a directora xeral de Mercury Healthcare, o principal operador de turismo de turismo de saúde de Estados Unidos; o director de PROMED Wellness de Costa Rica ou o Servizo Nacional de Aprendizaxe (SENA) o Ministerio de Turismo de Colombia. Rexións como a Zona Norte de Costa Rica, San Miguel de Allende en México ou Brasil presentaranse como destinos termais innovadores.

A sesión de tarde estará dedicada á Hidrología Médica e ao binomio auga-saúde. Na mesa sobre innovacións en tratamentos termais en patoloxías postquirúrxicas, rehabilitación de cadeira, na recuperación do Ictus e de accidentes cardiovasculares ou na prevención do envellecemento. Pola súa banda, o Dr. Francisco Maraver, referente internacional no campo da hidroloxía médica, falará sobre os beneficios médicos do consumo da auga mineral natural. Esta sesión concluirá cunha mesa redonda sobre a protección dos acuíferos. 

O venres 25, o Encontro acollerá ademais unha serie de sesións paralelas nas que se tratarán temas de plena actualidade do sector como os cursos de formación en spa e wellness que promove a Universidade de Vigo, o beneficio da balneoterapia canina ou as aplicacións da auga enriquecida con hidróxeno, entre outros. Tamén serán presentados como destinos termais singulares os Baños Medicinais do Peñón e o corredor termal de Guanajuato, ambos en México, e novas experiencias wellness en Colombia e Chile.

4 de setembro de 2015 | 11:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.