O emprego e a dinamización económica serán prioridades na colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acudiu esta mañá ao Concello de Ferrol en visita institucional. Foi recibido polo alcalde, Jorge Suárez, no seu despacho onde ambos os dous mantiveron unha xuntanza de carácter privado xunto á primeira tenenta, Beatriz Sestayo, e coincidiron na boa sintonía e nos obxectivos comúns para esta nova etapa.
Formoso foi convidado polo rexedor a estampar a súa sinatura no Libro de Ouro da cidade, logo de saudar os membros da Corporación local no salón de Recepcións, onde ambos os dous compareceron ante os medios.
O alcalde, Jorge Suárez, subliñou a “necesaria e imprescindible colaboración” entre o Concello de Ferrol e a Deputación “para levantar a Ferrol con emprego, promoción económica e turismo.
“Temos un enorme potencial e o que toca e traballar conxuntamente para acadar que Ferrol rexurda cun plan de futuro que teña continuidade no tempo e sente as bases para que esa recuperación sexa realidade e veña pola vía da colaboración entre as dúas administracións”, afirmou o rexedor ferrolán.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou tamén que esta primeira visita de carácter institucional virá seguida por outras de traballo sobre “as necesidades en liñas estratéxicas de Ferrol, o que requirirá longas sesión de traballo, pois son cuestións variadas e multidisciplinares”.
Neste sentido, González Formoso subliñou que “o emprego é a prioridade do Goberno provincial, e coincide coa do Goberno de Ferrol”, polo que comprometeu o apoio da Deputación aos “proxectos serios” do executivo local neste eido.
“Iniciamos esta nova etapa de relación co Concello con moita ilusión, a de axudar a un proxecto de futuro que se chama Ferrol ”, apuntou o presidente provincial.











