O deporte volve protagonizar o programa de actos do San Froilán
O Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, deu a coñecer este xoves as actividades deportivas que compoñen o programa do San Froilán 2015. Trátase dun total de 25 citas deportivas de máis dunha vintena de modalidades diferentes, entre as que se atopa o tenis, piragüismo, ciclismo, tiro con arco, pádel, baloncesto, rugby, voléibol, beísbol, hoquei, golf, judo, boxeo ou fútbol, entre outros.
“O San Froilán non soamente é o feiral e a festa, senón que tamén é unha cita deportiva na que se reúnen uns 2.000 deportistas, dende os base aos de élite e de recoñecida traxectoria”, sinalou o edil, quen lembrou que o deporte sempre tivo un importante oco nestes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional.
“A cidade comezará a vivir a festa do deporte o 26 de setembro, co VI Torneo Internacional San Froilán Cidade de Lugo”, anunciou Díaz Grandío ao tempo que avanzou que as actividades deportivas se desenvolverán ata o 12 de outubro en 8 instalacións deportivas municipais, nas pistas de tenis cubertas de Frigsa, no polideportivo Daniel Cordido, nas pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera, no pavillón municipal, no campo municipal Germán López Díaz, no polideportivo Casa do Deporte, no polideportivo O Pombal e no campo municipal da Cheda, así como no Club fluvial de Lugo, no Club Pádel Hotel Santiago, no Pazo Universitario de Deportes, no Pazo Provincial dos Deportes, en Pool Bar Tiempos Modernos, no campo de golf de Lugo, no Real Aero Club de Lugo e nas rúas da cidade.
Díaz Grandío tamén fixo fincapé na Gala do Deporte, que este ano se celebrará o xoves, 8 de outubro no auditorio municipal Gustavo Freire a partir das 20:30 horas, onde se premiará por noveno ano o deporte lucense.











