O departamento de servizos sociais de Lalín trasládase ao segundo andar do Consistorio
O tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, vén de anunciar o cambio de ubicación no consistorio da oficina do Departamento Municipal de Servizos Sociais. Este servizo á cidadanía ofrecíase ata o de agora na planta baixa do Castro Tecnolóxico, mais a Concellería decidiu trasladar a oficina ao segundo andar. O cambio de localización será efectivo dende mañá mesmo.
Os motivos principais polos que se tomou a decisión de situar a oficina do departamento na segunda estancia veñen orixinados, principalmente, por cuestións de privacidade. O obxectivo é prestar asistencia aos usuarios deste servizo evitando que se produzan situacións de incomodidade por mor dunha excesiva exposición dos demandantes, que nalgúns casos poden chegar a sentirse molestos ao entender que se poden producir procesos de estigmatización. Así mesmo, segundo indicou o tenente alcalde, as novas oficinas son máis funcionais, polo que o cambio radicará tamén nunha mellor atención aos beneficiarios.
Por outro lado, Nicolás González Casares informou de que os despachos que deixa libre o traslado deste servizo, serán ocupados polo Centro de Información á Muller (CIM). Este tiña as súas instalacións na actualidade no edificio do Centro Social da Terceira Idade de Lalín, que se encontra entre a Praza de Joaquín Loriga e a rúa do Mercado.











