O Consorcio da Música aproba un modificativo interno por 716.100 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Goberno do Consorcio da Música, na súa reunión do pasado 14 de setembro, deu luz verde a un modificativo interno por valor de 716.100 euros. O 86% desa cantidade, que supera os 613.000 euros, ten como destino o financiamento dos compromisos previamente adquiridos para a realización da tempada lírica no exercicio 2015. A mobilización desta partida orzamentaria faise necesaria mentres que o Goberno municipal xestiona coa Deputación dous convenios para facer fronte á citada actividade e cuxas negociacións non foron pechadas polo anterior Executivo. O resto do modificativo, ao igual que xa ocorreu en exercicios anteriores, servirá para destinar actividades da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) fóra da Coruña, así como o seu proxecto didáctico SonFuturo.

“O Goberno municipal quere, unha vez máis, deixar claro o seu compromiso co Consorcio da Música e, en especial, coa OSG, que será potenciada a próxima tempada con motivo da celebración do seu 25 aniversario”, indica o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande. Ademais, recorda a necesidade de que este compromiso se estenda tamén ao resto de institucións presentes no Patronato do Consorcio (Deputación e Administración autonómica, máis alá do Concello), “sobre todo, tendo en conta o especial baixón económico da aportación que realiza a Xunta de Galicia”. Este modificativo interno aprobado en Xunta de Goberno é alleo a transferencia de 550.000 que o Consorcio da Música realizou o pasado agosto ao IMCE e que tiña como obxectivo axudar a financiar as festas de María Pita, debido aos escasos recursos deixados polo Goberno anterior.

22 de setembro de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.