O Consello de Pescanova iniciará os trámites para solicitar que volva cotizar en bolsa
O Consello de Pescanova iniciará de forma “urxente” os trámites para solicitar o levantamento da suspensión de cotización da pesqueira, segundo anunciou aos accionistas este martes o voceiro do órgano, Fernando Herce. Así, iniciarase o proceso para solicitar á CNMV que deixe sen efecto esa suspensión, en vigor dende marzo do 2013, cando o órgano regulador tomou a decisión de suspender a cotización, xusto antes de que a pesqueira admitise que existían “discrepancias” entre a contabilidade e as cifras de débeda bancaria.
A volta ao mercado de Pescanova é unha das principais demandas dos accionistas minoritarios que, o pasado mes de maio, volveron reclamar á pesqueira, á CNMV e á Xustiza que o levantamento da suspensión, unha vez ‘salvadas’ as filiais españolas da posible liquidación.
O paso adiante anunciado polo Consello foi acollido con satisfacción por estes accionistas, que sinalaron que a volta ao mercado “dende unha posición de boa imaxe”, pode permitir atraer investidores. O obxectivo final debe ser, segundo Alejandro Fernández Pita, da plataforma AMAP, ampliar a presenza de Pescanova en Nueva Pescanova, e pasar do 20 por cento aprobado na Xunta de Accionistas deste martes, ao 51 por cento.
Fernández Pita apuntou que “o ideal” sería que a pesqueira seguise tendo “control galego”, e que a antiga Pescanova xestionase a Nueva Pescanova”. “O actual consello debe loitar para chegar ao 51 por cento”, concluíu.











