O Concello publica na súa web o formulario para rexistrar os ofrecementos que convertan A Coruña nunha cidade refuxio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña acaba de colgar na súa páxina web un formulario para todos aqueles que queiran colaborar, tanto empresas e entidades como particulares, no proceso de acollemento de refuxiados e refuxiadas. Ante a urxencia da situación que se está a vivir e o aluvión de ofrecementos por parte da cidadanía coruñesa, o Goberno local decidiu actuar como “ferramenta para canalizar as colaboracións”, tanto de institucións públicas e privadas, como da veciñanza. O formulario, que se atopa na dirección www.coruna.es/formulariocidaderefuxio , servirá para, en palabras da concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, “sistematizar de xeito máis eficiente esta vaga de solidariedade que se achega por diferentes vías”.

“Mediante este formulario, pretendemos recoller todos os ofrecementos, tanto de entidades como persoas, para colaborar na campaña da Coruña como Cidade de Acollida de persoas refuxiadas”, explica Fraga, que tamén recorda que o Concello “porá a disposición dos e das asiladas todos os recursos públicos dispoñibles”.

O O Goberno local comprometeuse a acoller o continxente de persoas refuxiadas que corresponda, unha vez se coordine coas institucións públicas que teñen competencias nesta materia, ademais de coas entidades privadas que levan anos traballando neste eido. O Concello programará accións a medio e longo prazo para que estas persoas, “así como outras que xa teñen feitas as solicitudes de asilo e refuxio e aquelas que xa son veciñas de feito da Coruña e que se atopan con barreiras integradoras, poidan tamén incorporarse como cidadáns de pleno dereito na cidade”. “Desde o Concello queremos deseñar programas e ferramentas que fagan do municipio un exemplo de cidade acolledora, tanto en situación de emerxencia urxente, como a medio e longo praza”, puntualiza a concelleira de Igualdade e Diversidade.

10 de setembro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.