O Concello pon en marcha un Programa Local de Apoio ao Emprego coa colaboración da Cámara de Comercio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense anunciou hoxe a posta en marcha dun Programa Local de Apoio ao Emprego, coa colaboración da Cámara de Comercio e financiado co Fondo Social Europeo. Tal e como explicaron esta mañá o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada; e o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, este Programa Local de Apoio ao Emprego (PLAE) trátase dun conxunto de medidas e actuacións urxentes, a desenvolver en setembro e outubro. destinadas a mellorar as tasas de inserción laboral, mediante a formación e o fomento do espíritu empresarial.

De feito, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, recalcou que “a nosa máxima como goberno municipal é, precisamente, articular políticas que redunden na creación de emprego e en poñer a disposición de todos aqueles ourensáns que desexen emprender de todos os mecanismos que dende a Administración Local podamos ofrecer”. Tamén incidiu o alcalde en que o fomento do emprego é un compromiso irrenunciable o goberno municipal, que non escatimará esforzos en articular políticas transversais que redunden na creación de emprego e no apoio aos emprendedores. Neste senso, lembrou que “nestes preto de 90 días de goberno municipal acadamos, en colaboración coa Xunta, un Obradoiro de Emprego, un Plan Integral e hoxe temos a satisfacción de anunciar un Plan Local polo Emprego que, durante dous meses, e en colaboración coa Cámara de Comercio, poremos en marcha diversas iniciativas que culminarán coa primeira Feira do Emprendedor de Ourense, que se desenvolverá no mes de outubro, e que confiamos en convertela nun referente anual para pequenos empresarios e emprendedores que decidan formar o seu propio negocio para enriquecer así o tecido empresarial da nosa cidade”.

Os obxectivos do PLAE serán fomentar o espíritu empresarial para favorecer o emprendemento; mellorar o acceso ao emprego para facilitar a inserción laboral; impulsar a formación e a orientación para mellorar e alinear a capacitación profesional e involucrar ao sector productivo local na mellora do emprego.

No tocante á acción formativa, durante os meses de setembro e outubro se realizará un curso de márketing empresarial (dirixido a persoas desempregadas, con compromiso de inserción laboral do 25%), coaching e orientación laboral, incentivos ao emprendemento (1.550€ para os proxectos emprendedores presentados polos participantes na acción formativa) e culminará coa I Feira do Emprendedor, que terá lugar no Centro Cultural José Ángel Valente o 20 de outubro, e o seu programa constará de conferencias de expertos, actividades e obradoiros, espacio networking, mesas redondas, stands de emprendedores e institucionais, un servizo de consultoría express e encontros profesionais.

O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, agradeceu o esforzo dos funcionarios municipais, que durante os últimos dous meses organizaron as actividades do PLAE e recalcou que “en Ourense se pode emprender, porque en Ourense hai talento empresarial”, explicando ademais que este programa ten un orzamento de 105.900€, cuxo 80% está sufragado polo Fondo Social Europeo.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, agradeceu a colaboración existente co Concello de Ourense en materia de emprego e emprendemento, facendo asi mesmo un chamamento aos futuros emprendedores “a que participen nesta iniciativa para que poidan ver realizado o seu soño empresarial”.

Os interesados en participar e inscribirse, poden consultar a páxina web www.ourensemprendedor.gal, ou ben no Centro de Iniciativas Empresariais ou na Cámara de Comercio de Ourense. Tamén existen dúas contas nas redes sociais de twitter (@Ouemprendedor) e facebook (Ourense Emprendedor) que informarán puntualmente das actividades do PLAE.

8 de setembro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.