O Concello de Vilagarcía ultima a posta en marcha do segundo plan municipal de compostaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía ultima a posta en marcha do segundo plan municipal de compostaxe. O goberno cumpre así un dos seus compromisos electorais relacionados co coidado do medio ambiente e a óptima xestión dos residuos sólidos urbanos; e recupera a liña iniciada durante o mandato de Dolores García cando o Concello promoveu a primeira experiencia de compostaxe no rural vilagarcián.

O programa de Vilagarcía desenvolverase en dúas fases. A primeira porase en marcha no último trimestre deste ano e terá como destinatarios a veciños das zonas do rural, vivendas unifamiliares ou con horta na que poder instalar o depósito para a elaboración do composta a base mediante o reciclado dos residuos orgánicos que se xeran na propia casa.

O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, explicou que o Concello porá en marcha esta fase en colaboración con Sogama que xa facilitou 50 composteiros individuais que se distribuirán entre a poboación interesada e que reúna os requisitos. Antes de empezar a funcionar, técnicos de Sogama e do Concello ofrecerán información e formación aos participantes no plan para que coñezan os pasos a seguir na elaboración do compost.

Contarase cos participantes na anterior experiencia

O goberno local pretende incluír neste segundo plan de compostaxe aos veciños que xa participaran na anterior experiencia. Tratará de poñerse en contacto con eles para saber si siguen realizando o proceso ou, de non ser así, si dispoñen aínda do depósito, si estarían interesados en volver a participar nesta nova fase.

O plan terá unha segunda fase que se porá en marcha durante o primeiro trimestre do ano 2016 e na que o Concello cotará coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra. O concelleiro de Medio Ambiente participou esta mañá nunha reunión de traballo no organismo provincial na que, ademais de valorar e sacar conclusións da viaxe realizada a semana pasada a Navarra para coñecer as experiencias de xestión de residuos que se realizan na zona, tamén se explicaron as liñas do plan de compostaxe que se porá en marcha en varios municipios da provincia, entre eles Vilagarcía.

A diferenza da anterior, esta fase centrarase na compostaxe comunitaria polo que Mouriño comentou que haberá que contar coa implicación de asociacións de veciños ou comunidades de montes para que se sumen á iniciativa. Neste caso, ademais de residuos orgánicos de orixe doméstico podería utilizarse como materia prima para a elaboración do composta os restos vexetais resultante da limpeza dos montes.

Traballo colectivo con grandes depósitos facilitados pola Deputación

Antes de que remate o ano, os técnicos da Deputación visitarán Vilagarcía para estudar o terreo e axustar o programa á realidade do noso municipio. Posteriormente facilitaranse os medios necesarios para a posta en práctica do plan e distribuiranse os composteiros comunitarios.

Como se sabe, a través do proceso de compostaxe elabórase un abono completamente natural e contribúese á optimización da xestión dos residuos sólidos urbanos posto que reciclando a materia orgánica redúcese a cantidade de lixo que só se pode eliminar mediante a incineración na planta de Sogama. O menor volume de lixo que se leva a queimar supón un aforro económico para o Concello, que paga a Sogama por peso dos residuos derivados. O segundo efecto positivo afecta directamente á natureza xa que unha menor combustión reduce as emisións de gases contaminantes á atmosfera.

18 de setembro de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.