O Concello de Vilagarcía solicitará ante Adif que manteña como público o estacionamento da Praza da Estación
O proxecto de Adif para pechar a Praza da Estación a efectos de converter estes terreos en aparcamento de pago ligado á estación ferroviaria non agrada ao goberno local, que preocupado pola escasez de estacionamentos públicos na cidade, fará as xestións oportunas para tratar de que se manteña o uso libre desta zona. O alcalde solicitará unha entrevista con responsables de Adif para abordar o asunto.
A creación do aparcamento de pago na Praza da Estación está integrado no proxecto do Eixo Atlántico da Alta Velocidade Ferroviaria, declarado de interese xeral. Dada esta característica, o Ministerio ten plena liberdade para realizar as obras, polo que non precisa solicitar ningún tipo de permiso ou licenza ao Concello, ao que simplemente se limitou a informar da actuación que teñen previsto levar a cabo.
Dada esta circunstancia, o planteamento inicial que o Concello exporá aos responsables de Adif é pedirlles que manteñan como público o estacionamento da Praza da Estación. Dado que o modelo que pretenden implantar en Vilagarcía é o que xa leva anos operando noutras estacións da zona, como Pontevedra ou Santiago; e en previsión dunha posible negativa á petición, o alcalde proporá outras alternativas que permitan aliviar a situación do aparcamento en Vilagarcía, como a posibilidade de que se cree unha tarxeta de residentes que permita aos veciños usar o aparcamento ou que Adif compense a perda destas prazas de aparcamento coa cesión doutros terreos nos que habilita unha nova bolsa pública.
No proxecto remitido ao Concello recóllese que o aparcamento privado a habilitar nos terreos propiedade de Renfe na Praza da Estación contará cunha zona de tránsito á que os vehículos poderán entrar e saír para deixar e recoller pasaxeiros; así como unha zona para taxis. No resto da praza reordénase os estacionamentos para crear 90 prazas de aparcamento máis 5 para discapacitados e zonas reservadas para aparcar bicicletas e motos; todas elas de pago.











