O Concello de Vilagarcía solicita oficialmente á Consellería o mantemento da segunda xefatura de estudos
O Concello de Vilagarcía acaba de dirixir unha carta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia solicitando oficialmente o mantemento da segunda xefatura de estudos no IES Castro Alobre de Vilagarcía. Na misiva, asinada polo concelleiro de Educación, Argimiro Serén, expóñense os argumentos que fundamentan a petición reivindicada tamén pola propia comunidade educativa do centro, tras coñecerse a decisión do departamento autonómico de eliminar este curso o posto operativo dende hai sete anos.
O goberno socialista que preside Alberto Varela pon de manifesto con esta medida o seu apoio á demanda dun dos centros de Secundaria más importantes do municipio que tras perder este curso o xefe de Estudos de Bacharelato e Ciclos Formativos (cargo que estaba recoñecido tantos a efectos económicos como administrativos e informado favorablemente pola Inspección Educativa), pasa a contar cun equipo directivo composto por catro membros: director, vice directora, secretaria e xefa de estudos.
Argimiro Serán exponlle ao conselleiro de Educación que a Concellería considera conveniente manter a xefatura de estudos de Bacharelato e Ciclos Formativos baseándose en que o castro Alobre conta con dous edificios separados fisicamente, acollendo nun deles ao alumnado de ESO e o outro ao de Bacharelato.
Argumenta o concelleiro o elevado número de alumnos cos que conta o instituto, que se incrementou aínda máis este curso, e as problemáticas diferenciadas de dous niveis educativos diferenciados nun nivel de alumnado similar á media dos dem´`ais centros de Galicia.
A maiores, advírtese que conta con 19 unidades de ESO, o que o converte nun dos centros da provincia con maior número de unidades nunha etapa tan conflitiva, “o que fai preciso dunha constante e activa presenza da xefa de estudos neste módulo”.
Xunto a isto, o edificio novo acolle 9 unidades de Bacharelato máis o Ciclo Formativo, “o que esixe un continuo traballo de coordinación, organización e resolución de conflitos”.
Por todas estas razóns, o concelleiro de Educación pide á Consellería que adopte as medidas oportunas para manter a segunda xefatura de estudos no IES Castro Alobre como ata o de agora, esperando unha resposta afirmativa por parte do departamento que dirixe Román Rodríguez González.











