O Concello de Vilagarcía instala papeleiras de madeira na área verde do castro de Alobre
O Concello de Vilagarcía segue completando o mobiliario urbano da cidade coa colocación de novos elementos en lugares onde non existían ou repoñendo aqueles que estaban estragados ou xa se retiraran. Esta mesma mañá, operarios do servizo de Medio Ambiente colocaron varias papeleiras de madeira na área verde do Castro de Alobre e a semana pasada engadíronse bancos de madeira e papeleiras ao xardín da Praza de España.
As papeleiras de madeira que se repartiron pola zona arqueolóxica do Castro de Alobre fixéranas os alumnos do módulo de carpintería da anterior Escola Obradoiro. Esta non é a única actuación que o Concello pretende levar a cabo no Castriños, unha zona na que nos çúltimos anos non se levaron a cabo tarefas de mantemento e arranxo de elementos como escaleiras, papeleiras e paneis, que agora se atopan totalmente estragados. O Concello pretende renovar estes equipamentos para poñer en valor esta importante zona verde e arqueolóxica do municipio.
Por outro lado, a concelleira de Urbanismo, Paola María, xa contactou coa dirección da nova escola para que no seu plan de traballo práctico inclúan a elaboración de cubre contedores de madeira a efectos de mellorar a imaxe dos puntos de depósito de lixo nos puntos da cidade onde presentan peor aspecto ou non sintonizan coa contorna. Os contedores do lixo irán dentro destas cubertas de madeira, similares ás que se atopan na zona do Piñeiral da Concha ou detrás da Praza de Abastos.











