O Concello de Vigo decreta tres días de loito pola morte dunha muller a mans da súa parella

Concentración en repulsa do crime de Vigo
O Concello de Vigo decretou tres días de loito oficial polo falecemento dunha muller de 46 anos de idade, supostamente a mans da súa parella, nun domicilio da cidade, e expresou a súa repulsa por estes feitos cunha concentración ás portas do consistorio.
Na concentración participaron concelleiras, funcionarios e cidadáns, que mostraron a súa condena por un novo caso de violencia machista. Con tres minutos de silencio, quixeron mostrar o seu rexeitamento polo crime, así como a solidariedade e pésame á familia e achegados da falecida.
O alcalde olívico, Abel Caballero, en declaracións previas, lamentou que este tipo de feitos son “un drama”, e lembrou que o Concello “dirixe unha parte moi importante dos seus esforzos” á loita contra a violencia de xénero.
Os feitos tiveron lugar nun domicilio da céntrica rúa López de Neira e o presunto autor do crime, un mozo de 31 anos de idade, entregouse en comisaría. A falta do informe de autopsia, os primeiros indicios apuntan a que a muller morreu a consecuencia dun ou máis golpes.
O detido permanece en dependencias policiais, á espera de pasar a disposición do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo. Segundo informou o TSXG, non constan denuncias previas da vítima por malos tratos.











