O Concello de Pontevedra participa no Pont Up Store cunha sesión para aprender dos fracasos empresariais
O vindeiro 25 de setembro ás 20.30 horas a Casa da Luz acolle unha nova edición das FuckUp Nights, dentro da programación da Pont Up Store 2015, que presentaron esta mañá. As Fuck Up Nights (FUN) son unha experiencia nacida en México a raíz da pequena conversa entre un grupo de amigos emprendedores no que compartiron non os éxitos do seu traballo, senón os erros que cometeron polo camiño.
A primeira FuckUp Night Pontevedra tivo lugar dentro do Festival de emprego e innovación que organizaron os participantes de Colabora 2015, un plan de emprego posto en marcha polo coworking Espacio Arroelo. Nesta nova edición, organizada pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo de Pontevedra, realizaranse diversas actividades para implicación dos asistentes e favorecer a conversa aberta cos tres poñentes e ensinaranse técnicas para cambiar o punto de vista no fracaso. Neste caso os poñentes serán 3 exemplos de empresarios da propia cidade do Lérez que contarán brevemente a súa experiencia.
A actividade está aberta ao público e non necesariamente dirixido a emprendedores, polo que os interesados poden inscribirse no seguinte enderezo: funpontevedra@gmail.com ata o vindeiro 24 de setembro.
Esta é precisamente a filosofía das FUN, calquera experiencia empresarial, máis se cabe o emprendemento, atopa no camiño trabas e erros que supoñen malas experiencias, pero dos que se aprende e que poden supoñer un xiro de estratexia relevante para acadar novas metas. Un novo enfoque ante os fracasos é o que ensinan as FUN, nas que se poden compartir minutos con outros emprendedores que superaron trabas e incluso son a día de hoxe recoñecidos empresarios. En definitiva expor os propio fracaso como terapia para un mesmo e como aprendizaxe para os demais.
Esta experiencia creceu exponencialmente e, a día de hoxe, replícase en máis de 80 cidades de máis de 30 países. Polo tanto supoñen un movemento mundial no cal se contan historias de fracaso de negocios para aprender deles. En cada edición tres oradores narran a súa historia de fracaso en 10 imaxes e 7 minutos.
Por iso a experiencia vai máis alá do encontro entre emprendedores, non emprendedores e poñentes, foi a semente de diversos estudos enfocados cara ao fracaso e ás experiencias profesionais e empresariais. Así, por exemplo, en México o equipo das FUN conseguiu identificar as 5 causas principais do fracaso empresarial e elaborar o Libro do Fracaso 2015. Dado o éxito e o uso do estudio en universidades e organismos gobernamentais, o estudio replicarase en 5 países entrando en maior profundidade con máis segmentos emprendedores.











