O Concello de Ourense reforza a programación de actividades da rede de centros cívicos, con 34 cursos e obradoiros para adultos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense pon en marcha o programa de cursos e obradoiros para persoas de tódalas idades que se desenvolverá nos centros cívicos municipais, sitos na rúa Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo. A oferta conta cun total de 34 cursos e obradoiros para persoas adultas, no que se dá continuidade ás actividades máis demandadas realizadas o ano pasado e se incorporan novidades como técnicas de relaxación (Mindfulness), costura básica ou ximnasia abdominal. Tamén comezará este ano “Ioga e relaxación en familia” dirixida neste caso a pais e fillos de entre 12 e 17 anos, para fomentar que as familias se relacionen fóra do seu ámbito cotián.

A Concellería de Asuntos Sociais reforza así a oferta deste programa de actividades, coa previsión de chegar a 1.500 participantes. A elas se unen as actividades para nenos, que se desenvolverán de luns a venres polas tardes e os sábados polas mañás, nos que participarán máis de 400 escolares. As persoas interesadas poderán inscribirse desde o luns, 21 nos propios centros cívicos. 

Cada centro cívico ten a súa propia programación: 8 cursos en Colón, A Ciuña e A Ponte, 6 en As Termas e 4 en Seixalbo. En tódolos centros haberá cursos de Iniciación á informática e Internet (50 horas) e Ioga, e cada un deles terá propostas específicas, nas que se integran actividades como Ofimática e seguridade en Internet, ximnasia abdominal hipopresiva, baile de salón, en diferentes niveis, bailes latinos, ximnasia, técnicas de relaxación, obradoiro de costura básica e curso de manualidades.

Os cursos serán gratuítos e o único requisito é estar empadroado no concello de Ourense. As persoas interesadas poden recoller as solicitudes nos centros cívicos, na oficina de Atención Cidadá da praza Santa Eufemia nº 6 baixo e nas oficinas de Benestar Social da rúa Bispo Carrascosa nº 14 baixo, cubrilas e presentalas, desde o 21 ata o 28 de setembro, acompañadas de fotocopia do DNI ou o volante de empadroamento no Centro Cívico onde se desexe realizar as actividades , indicando as tres actividades favoritas por orde de preferencia. 

Debido á grande demanda rexistrada nos anos precedentes o criterio de selección será en primeiro lugar a orde de entrada da solicitude e, en segundo, a orde de preferencia. 

O programa de actividades contou coa participación no curso 2014-2015 de case 1.300 persoas. Por idades, o maior número de inscricións é no tramo de 50 a 64 anos que representa o 45% do total. Os que menos participan nas actividades propostas polos Centros Cívicos son os menores de 34 anos.

As mulleres representan un 82% do total das persoas inscritas fronte ao 18% de homes. En todos os centros sempre é máis alta a participación feminina nas actividades en todos os tramos de idade.

Actividades para nenos e nenas

A rede de centros cívicos municipais tamén ofertará un ano actividades para nenos e nenas. Con elas preténdese achegar ás familias ourensás unha proposta de actividades lúdicas para os cativos e as cativas no seu tempo libre, axundando á conciliación da vida familiar e laboral. Neste caso, pódese solicitar desde o luns, 21, sen data límite sempre que haxa prazas disponibles. 

A oferta inclúe dúas propostas: actividades infantís polas tardes, de luns a venres, de 17:30 a 20:00 horas, para nenos e nenas nacidos entre 2007 e 2012, e os sábados, para escolares de Infantil e Primaria, de 10:30 a 13:00 horas, nos cinco centros cívicos: Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo.

18 de setembro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.