O Concello de Ourense pon a disposición dos refuxiados sirios catro vivendas e habitacións na Casa de Acollida e a planta superior do Fogar do Transeúnte
O Concello de Ourense porá a disposición dos refuxiados sirios un total de catro vivendas completas e a planta superior do Fogar do Transeúnte. Así se explicita nun informe remitido polo Concello de Ourense á FEGAMP, do que se deu conta esta mañá en Xunta de Goberno Local, onde tamén se detallan os recursos que poñen a disposición particulares e entidades da cidade para o acollemento de persoas refuxiadas procedentes de Siria.
Os recursos municipais achegados polo Concello son os seguintes:
– 4 vivendas
– A terceira planta completa do Fogar do Transeúnte.
– Habitacións na Casa de Acollida Municipal (só para mulleres e menores).
Os recursos de voluntarios que así o fixeron constar no Concello de Ourense, a través de Voluntariado:
– 3 vivendas particulares de familias de acollida.
– Servizos compartidos de aloxamento con 2 familias ourensás.
No tocante ás institucións que confirmaron ao Concello a súa colaboración cos refuxiados:
– Seminario Menor de Ourense: 15 camas con baños compartidos, coa manutención incluída.
– Albergue do Seminario (antigo Fogar do Transeúnte)
No que respecta aos recursos adicionais que pon a disposición o Concello e colaboradores, son os seguintes:
– Un Plan Individual de Acollida, articulado dende o servizo municipal de inmigrantes: acollida, apoio lingüístico, programa de inserción socio-laboral. Acceso igualmente a todos os servizos e recursos das distintas concellerías do Concello de Ourense.
– 20 voluntarios organizados dende a Concellería de Voluntariado a disposición das familias refuxiadas.
– Bolsas deportivas e instalacións en clubs da cidade (como é o caso do Ourense CF, entidade comprometida a atender refuxiados) a disposición das familias e rapaces e rapazas.
Igualmente, desde o Concello organizarase un evento de carácter deportivo para recadar fondos solidarios para os refuxiados do conflito sirio.
Na mesma sesión da Xunta de Goberno procedeuse tamén a corrixir un erro no expediente de contratación (engadir unha páxina que non se incluíra no prego por omisión administrativa), mediante procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada, do subministro de carburante para o parque móbil municipal. Este contrato, para abastecer de combustible aos 120 vehículos do parque móbil e a toda a maquinaria a motor do Concello (desbrozadoras, corta céspede, etc) conta cun orzamento de 150.000 euros anuais. Actualmente, esta contratación leva 7 meses caducada.
A Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria de subvencións para o equipamento das entidades veciñais do Concello de Ourense para o ano 2015, cun gasto aprobado de 7.952,03 euros.
Por último, a mesma sesión acordou designar os representantes municipais do Concello de Ourense na Fundación Feiras e Exposicións de Ourense -Jorge Pumar e Sofía Godoy-, así como á representante na comisión de escolarización de Ourense que se vai constituír por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Polo trámite de urxencia, aprobouse tamén o proxecto de acondicionamento das infraestruturas viarias do polígono empresarial de Seixalbo, que terá un orzamento de 149.531,98 euros. Tamén se aprobou por este trámite nomear responsable do contrato do proxecto de instalación eléctrica de baixa tensión no polígono empresarial de Seixalbo a Ismael Méndez Outeiriño (suplente, Gerardo Cid Guede).











