O Concello de Ourense organiza cursos para poder acreditar competencias clave en lingua galega e lingua castelá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense organiza, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, dous cursos para a obtención de competencias clave de lingua galega e lingua castelá. A superación destes cursos é imprescindible para acadar os novos certificados de profesionalidade de nivel 2 que, entre outros, acreditan para o traballo de atención socio sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais ou no domicilio.

Os cursos, de carácter gratuíto, están destinados a un total de 30 persoas desempregadas -15 por curso-, inscritas no Servizo Público de Emprego, e que non cumpran o requisitos de acceso para os Certificados de Profesionalidade de nivel 2 (regulados no artigo 5 do R.D. 34/2008, de 18 de xaneiro). Darán comezo a mediados de setembro, en horario de mañá, e realizaranse nas instalacións que o Concello de Ourense ten no Campo da Feira.

O curso de formación en comunicación en lingua galega terá unha duración de 38 horas, e tratará de que as persoas participantes comprendan adecuadamente o contido fundamental de textos escritos sinxelos e producións orais, de forma que poidan participar en interaccións orais respectando as normas de convivencia e construír textos sinxelos relacionados coa vida profesional e cidadá, con coherencia e cohesión textuais, e corrección gramatical.

O curso de formación en comunicación en lingua castelá, terá unha duración de 138 horas e tratará de que as persoas participantes comprendan producións orais e escritas, que poidan expresarse adecuadamente nos diferentes contextos sociais e culturais, así como utilizar a linguaxe na construción do coñecemento, a comprensión da realidade e a autorregulación do pensamento, as emocións e a conduta.

7 de setembro de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.