O Concello de Ourense oferta 3.500 prazas de formación a través dos 127 cursos da Universidade Popular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense abre este xoves, 1 de outubro, o prazo de preinscrición para os cursos 2015-16 da Universidade Popular, actividades formativas para maiores de 16 anos que desenvolve a Concellería de Educación. Logo de acadar rexistros históricos de participación o pasado curso (2.577 matriculados), o 2015-16 rexistra a maior oferta de obradoiros nos seus 21 anos de historia: 127 cursos -45 deles, novos, e 11 deles en modalidade non presencial ou online– para un total de 3.500 prazas.

“Dentro dos postulados da Concellería, o da formación permanente é un dos máis importantes para nós”, recalcou a titular de Educación, Belén Iglesias, na presentación do programa. Nesta edición, presentáronse un total de 452 solicitudes para impartir cursos, das que foron escollidas 127 en función da avaliación previa e da propia demanda. Por iso, engadíronse 45 cursos novos e 11 deles, dispoñibles online. “Entre os máis solicitados, os de iniciación á informática, pilates, ritmos latinos ou restauración de mobles”, en palabras de Sonia Canal, técnico da Concellería de Educación. No tocante ao perfil dos demandantes dos cursos, destacan os parados e xubilados, “aínda que cada vez con máis forza entran os traballadores que demandan formación adicional”, destacou Belén Iglesias.

O prazo de preinscrición estará aberto ata o 30 de outubro, aínda que desde a Concellería se advirte de que un dos criterios de admisión será a orde de entrega da solicitude. Para iso, a área de Belén Iglesias permitirá facer a preinscrición online a través da web www.educacionourense.com, cubrindo un formulario que se colgará o día 1 de outubro ás 09:00 horas. Logo de formalizar o rexistro, o usuario recibirá un pdf de confirmación co número de inscrito, data e hora da mesma.

En todo caso, a preinscrición tamén se poderá facer presencialmente acudindo á Concellería de Educación (Praza de San Martiño 2, 1º), en horario de 9:00 a 14:00 horas ou á Oficina de Atención ao Cidadán (Praza Santa Eufemia 6, baixo), en horario de 16:00 a 20:00 horas.

28 de setembro de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.