O Concello de Narón transmite á Fegamp a súa disposición para colaborar co pobo sirio
O Concello de Narón confimou esta mañá á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a súa dispoñibilidade para colaborar coa administración autonómica na organización e coordinación de recursos trala situación humanitaria de emerxencia derivada da guerra de Siria. O Goberno central, a Xunta de Galicia e a Fegamp impulsan un plan conxunto para ofrecer cobixo ás vítimas do mencionado conflito a través dun plan conxunto para o que solicitan a adhesión dos concellos galegos interesados en colaborar.
O Concello de Narón porá a disposición deste colectivo 65 prazas, das que 25 se localizan en dous bungalows do camping Río Xuvia, en Pedroso, e as 40 restantes no albergue de Aldea Nova, en Sedes.
A Fegamp informará do acordo á Consellería de Traballo e Benestar, para abordar a situación na Conferencia Sectorial de Inmigración que se celebrará mañá en Madrid.











