O Concello de Narón adhírese á obrigada campaña de regularización catastral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, anunciou onte que o Concello de Narón se adherirá ao procedemento de regularización catastral 2014-2017, para dar así cumprimento a un proceso iniciado pola Dirección Xeral do Catastro e dirixido á loita contra o fraude. Villamar explicou que “é o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas o que nos obriga a acollernos a este procedemento, que debe iniciarse en todos os concellos antes do 31 de decembro de 2016, tal e como se publicou no BOE”. A medida non implica unha nova revisión dos valores catastrais e supón un prezo para o cidadán ao que se presta o servizo, por parte do Estado, de 60 euros por inmoble regularizado, tal e como apuntou o edil naronés. Villamar informou hoxe sobre este programa aos representantes dos grupos políticos da corporación local no transcurso da Comisión Informativa de Contratación, Persoal e Especial de Contas.

O pasado mes de xullo o Concello de Narón recibiu un escrito do Ministerio de Facenda informando sobre este procedemento. Representantes do goberno local reunironse co xerente rexional, Benito Bericochea, para informarse sobre o mesmo e, a continuación, adherirse a el, ao tratarse dunha obriga para todos os concellos.

O procedemento desenvólveo directamente a Dirección Xeral do Catastro e ten como obxectivo incorporar a este organismo os bens que non están inscritos ou que o están pero de xeito incorrecto ou incompleto, incumprindo así unha obriga dos propietarios de declarar ante o Catastro calquera alteración nos seus inmobles.

Esta medida contribuirá a que a tributación destes bens no IBI sexa a que se corresponde coa realidade inmobiliaria en cada un dos casos.

17 de setembro de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.