O Concello de Lalín reorganizará o sistema de alugueiro de bicicletas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal levará a cabo unha reorganización do proxecto de préstamo de bicicletas  denominado “Bicidadáns”, posto en marcha no ano 2010 polo anterior executivo, debido á minúscula  acollida do mesmo por parte da cidadanía. Así o veñen de anunciar o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o concelleiro de Deporte, Miguel Medela, quen asegurou que “é moi necesario replantexar o sistema, porque como se viu, non tivo ningún éxito e leva moito tempo sen funcionar”.

O anterior Goberno prorrogou a principios de 2014 o contrato de mantemento dos sistemas dixitais das bicis, por un montante de 16.000 euros. Dito contrato non se renovou no presente ano, polo que “Bicidadáns” está fóra de servizo dende hai meses. Así mesmo, o mantemento a nivel mecánico das propias bicicletas tamén permanece paralizado. Por estes motivos, González Casares, explicou que está previsto que os ciclos se retiren “polo menos temporalmente, entre outras cousas, porque se están detectando deperfectos constantes  e múltiples intentos de roubo”.

Outro dos aspectos que se valorarán con respecto á reorganización do programa de alugueiro, será o de reubicar as diferentes estacións de recollida de vehículos. Casares indicou que “se mirará se están ben situadas nos emprazamentos actuais”, apuntando que no momento no que se proceda á recolocación, “é seguro que un dos terminais se fixará no concello, debido ás facilidades de control que ofrece este emprazamento”. Outro dos puntos de préstamo situarase previsiblemente no Pontiñas, xa que o o paseo fluvial conta con pistas adaptadas á circulación de bicicletas, ofrecéndose, deste xeito, as condicións propicias para que os usuarios teñan unha maior disposición para alugar os ciclos.

Por outra parte, Miguel Medela revelou a existencia “doutro importante stock de bicis nun almacén de propiedade municipal”. Porén indicou que “se terá que valorar a que se vai dedicar o seu uso”, explicando que entre as posibilidades se baralla destinalas a actividades educativas, a outras de promoción do emprego da bicicleta, así como a paseos urbanos organizados ou a diferentes actividades turísticas. 

18 de setembro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.