O Concello de Lalín reitera a súa colaboración nas xustas reivindicacións do sector lácteo
O Concello de Lalín colaborou cos gandeiros da comarca poñendo autobuses para que puidesen acudir á manifestación en defensa do sector lácteo que se desenvolveu en Santiago. Sempre de acordo co criterio dos técnicos municipais, o Concello asumiu os gastos dos dous autobuses que se puxeron a disposición dos afectados por unha “situación dramática que está a poñer en risco a viabilidade de moitas explotacións da nosa comarca”.
“Era o mínimo que poidamos facer”, afirma o concelleiro de Gandería, ao tempo que anuncia que o Goberno municipal de Lalín “vai estar sempre a carón do sector e, dentro das nosas posibilidades, colaboraremos en todo o que poidamos na loita para acadar un prezo xusto para o leite”.
“Lamentamos”, ironiza Xosé Manuel Hermida, “que só poidamos poñer cartos para autobuses e non dispoñer de financiamento para poder acudir ás mobilizacións en Mercedes, tal e como fan algúns membros do Partido Popular na comarca”. O concelleiro de Gandería remata dicindo que “nas próximas convocatorias intentaremos seguir o seu exemplo e ir ás protestas en Mercedes ou, no seu defecto, en calquera outro vehículo de gama alta para estar á altura das expectativas do Partido Popular”.
Pola súa banda, o alcalde de Lalín reitera que el vai estar sempre en primeira liña de defensa do sector lácteo e amósase “desagradablemente sorprendido de que ao Partido Popular lle pareza mal que o alcalde estea combativo na defensa dos gandeiros, o que seguramente é síntoma de que non teñen a conciencia tranquila neste tema”.
Cartel Feira Medieval
O alcalde tamén aproveitou hoxe para lembrarlles aos membros do Partido Popular de que o cartel da Feira Medieval non foi “nin encargado, nin deseñado, nin contratado, nin pagado polo Concello, así que deberían informarse antes de facer preguntas pouco perspicaces que, unha vez máis, demostran que seguen de vacacións”.
Cuíña aconséllalles que imiten o exemplo que lles está a dar o Goberno municipal e se poñan a traballar con seriedade dunha vez por todas, xa que “iso é o que agardan deles os veciños de Lalín”.











