O Concello de Lalín recorda que os bonos escolares só poden empregarse en establecementos minoristas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Os preto de 200 beneficiarios, de entre os 300 solicitantes dos bonos de axuda complementaria ao estudo para o curso 2015/16, intercambiables por material escolar e/ou deportivo, comezaron a recoller no Concello os vales por valor de 100 euros. Non obstante, detectáronse varios casos de solicitantes que se achegaron ás grandes superficies comerciais lalinenses para canxealos polo material, obtendo unha resposta negativa no momento de efectuar as transaccións. Isto débese a que as grandes superficies de distribución comercial non entran dentro do convenio asinado co concello para abastecer de produtos estas bolsas de axuda.

Neste sentido, o tenente de alcalde e edil responsable da área de Benestar Social, Nicolás González Casares, recordou “que os bonos de axuda escolar só poden utilizarse en librerías e tendas deportivas locais de carácter minorista”. O procedemento realízase deste modo, co obxectivo de beneficiar e dinamizar o comercio local do centro da vila, que unha vez entrega o material ás familias beneficiadas, recibe a correspondente compensación de forma directa por parte do Concello. 

Reunión coas ANPAS

González Casares, en calidade de concelleiro de Deporte encargado da xestión do Lalín Arena, convocou unha reunión coas Asociacións de Nais e Pais de Alumnos dos colexios lalinenses, que se celebrará o próximo martes ás 20.30 horas no propio multiusos. O obxectivo da xuntanza é a de negociar cos colectivos de pais e nais o acceso dos nenos e nenas ás piscinas, dentro do programa de actividades deportivas coordinadas coas ANPAS para o curso que acaba de comezar. González Casares escoitará as demandas e suxestións dos representantes dos colectivos de alumnos coa finalidade de chegar a acordos, xa que hai ANPAS que non están conformes coas condicións, mentres outros grupos as aceptaron sen reticencias.

25 de setembro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.