O Concello de Lalín mostra a súa disposición a ceder instalacións municipais para acoller refuxiados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Lalín amosou hoxe a súa disposición a ceder instalacións municipais co obxectivo de acoller a parte dos milleiros de refuxiados que están tratando de obter asilo en Europa debido aos conflitos que atravesan os seus países de orixe. Rafael Cuíña considera que “non podemos permanecer de brazos cruzados ante esta crise humanitaria intolerable que afecta a milleiros de persoas e que supón unha vergoña mundial”.

O alcalde afirma que “como representantes públicos, pero sobre todo como seres humanos, debemos facer todo o que estea dentro das nosas posibilidades, por pequenas que sexan, para tratar de dar unha resposta a xente que está a pasar por un verdadeiro calvario”. “Non só teñen que fuxir da súa terra, da que son expulsados polos conflitos que atravesan, senón que ao chegar a Europa se atopan con que lle damos as costas no canto de acollelos”. 

Entre as instalacións que se poderían habilitar para acoller refuxiados estarían o albergue de Mouriscade ou algunhas zonas do antigo pavillón. 

O alcalde remitiulle hoxe unha carta ao ministro de Exteriores para comunicarlle a intención do Concello de ceder instalacións municipais para colaborar na acollida de refuxiados, “dentro das nosas modestas posibilidades”.

2 de setembro de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.