O Concello de Lalín instará á Xunta e Goberno Central a que articulen medidas para resolver a crise do sector lácteo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal de Lalín presentará unha moción en defensa do sector lácteo no próximo pleno ordinario do mes de setembro. Nesta iniciativa esixiráselles á Xunta e ao Goberno central que poñan en marcha todas as medidas que estean ao seu alcance -dentro do seu correspondente ámbito competencial- para paliar a grave situación que están a atravesar os gandeiros e gandeiras galegos. Entre outras cousas reclamarase que estas administracións fixen un prezo mínimo de referencia que permita que os gandeiros cubran custes para que desta maneira se garanta a sustentabilidade das explotacións lácteas.

Este sector está inmerso dende hai meses nunha situación económica insostible debido aos baixos prezos que pagan as industrias polo leite, un prezo que, en moitos casos, nin sequera alcanza para compensar os custes de produción. Neste escenario estase a orixinar unha situación que pode abocar ao peche de moitas explotacións agrarias, algo que evidentemente repercutirá de forma tremendamente negativa na economía dunha comarca como a do Deza, onde o peso do sector primario é fundamental para o desenvolvemento produtivo e social. 

Con respecto a este asunto, o alcalde de Lalín quixo contrapoñer hoxe o claro compromiso do Goberno municipal co sector agro-gandeiro fronte as ocorrencias do Partido Popular que, unha vez máis, “porfía en continuar cun proxecto tan esperpéntico como o do porco Lalaíno”. Rafael Cuíña afirma que “está claro quen está a carón dos gandeiros e quen trata de entrar nunha espiral absurda que non conduce a ningures e que ademais supón o despilfarro dunha inxente cantidade de diñeiro público”. “Eses cartos”, di o rexedor, “poderían estar perfectamente destinados a outras iniciativas que servisen para poñer en valor e modernizar o sector gandeiro e leiteiro”. 

Sobre o proxecto do porco lalaino, o alcalde asegura que “hai moi poucas persoas no sector que vexan con bos ollos o proxecto do porco lalaino. Moitas delas, coas que eu mesmo falei, insisten en que esta iniciativa, entre outras moitas cousas, é economicamente insostible”. Para Cuíña “trátase dun invento do anterior Goberno municipal financiado cos cartos de todos en época de crise”. O rexedor insiste en que “os cartos públicos, e máis en momentos difíciles, están para outro tipo de cousas, veñan da administración que veñan e xestiónense a través do organismo que se xestionen”. “Para o que non están”, conclúe Cuíña, “é para delirios de grandeza de dirixentes obsesionados con elaborar criaturas de novo cuño máis propias dunha novela de Mary W. Shelley que dunha xestión seria e responsable”.

15 de setembro de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.