O Concello de Lalín fai un chamamento á responsabilidade para acabar coas sabotaxes en cadros eléctricos e contadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O concelleiro de Rural, Miguel Medela, denunciou a sabotaxe continuada da que están sendo obxecto os contadores e cadros eléctricos dalgunhas zonas do concello. O edil mostrouse “moi preocupado” ante a proliferación “de danos que se producen de xeito intencionado e ocasionan graves problemas nos sistemas se alumeado público”. Por este motivo fixo un chamamento á “responsabilidade e ao civismo”, demandando “a colaboración da cidadanía para frear os incidentes”, que como recordou, “acaban supoñendo un claro prexuízo para o conxunto dos lalinenses, que aparte de sufrir as consecuencias e verse privados do bo funcionamento dun servizo público, temos que facernos cargos das reparacións”.

As sabotaxes, que se veñen detectando dende hai meses e se incrementaron nas últimas semanas, ocasionan constantes cortes de luz e avarías de todo tipo no alumeado público. Así mesmo, os actos vandálicos, para os que Medela no albisca “motivos aparentes nin razón de ser”, provocan desperfectos nos cadros eléctricos e nos diferenciais, deixándoos nalgúns casos sen as debidas proteccións e mesmo co cableado á vista, o que se acaba convertendo nun serio perigo para a seguridade cidadá 

Aínda que nun principio as deficiencias detectadas no sistema de luz pública se achacaban ao mal estado dos cadros e a un servizo de mantemento deficiente e prolongado, o gran número de incidencias localizadas ata a data, así como a forma na que se producen, fixo que se chegase á conclusión de que as avarías se deben a manipulacións intencionadas.

O edil de Rural finalizou insistindo na necesidade de actuar con sensatez e “non manipular baixo ningún concepto os dispositivos eléctricos, xa que ademais de provocar con isto o mal funcionamento da rede eléctrica, supón incorrer nunha grave irresponsabilidade”. Por este motivo reiterou que ante calquera deficiencia que se detecte “os cidadáns deben usar o procedemento habitual e dar constancia ao Concello da mesma, pero nunca actuar directamente sobre o cadro”. 

Pola súa banda, dende a actual empresa concesionaria do servizo de mantemento do alumeado público, coinciden coa valoración de Miguel Medela e transmiten a súa preocupación ante a problemática. Aseguran que no sistema eléctrico se detectaron numerosos cadros de mando con diferenciais ponteados, así como moitos outros aos que lle foron extraídos as debidas proteccións. Por iso tamén insisten en  que “nunca se manipulen os dispositivos de control” polo “gravísimo perigo que isto supón para as persoas”.

28 de setembro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.