O Concello de Lalín creará un Consello Municipal de Benestar Social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O tenente de alcalde e concelleiro responsable da área de Benestar Social, Nicolás González Casares, vén de anunciar a futura posta en marcha dun Consello Municipal de Benestar Social. A creación deste organismo, que será levada ao vindeiro Pleno, fusiona dúas das apostas principais nas políticas do actual Goberno: a participación directa dos cidadáns na xestión local e nas propias accións de índole social e en favor da mellora das condicións de vida das persoas.

Deste xeito, tal e como explicou González Casares, o Consello de Benestar Social encaixarase coma un órgano de participación de carácter consultivo e de asesoramento aos diferentes eidos municipais competentes nesta materia. O seu obxecto fundamental é facilitar e canalizar a participación das diferentes asociacións, entidades e institucións dentro do marco competencial municipal. O Consello fomentará a protección social da cidadanía e a promoción da calidade de vida, coa participación directa das persoas e entidades do sector. Así mesmo, realizaralle propostas ao Concello sobre os programas e actuacións na devandita materia, exercendo tamén unha labor de observatorio das políticas municipais de Benestar Social.

No organismo haberá representación de todos os grupos políticos municipais, así como de todas as entidades que interveñen no eido do Benestar Social de Lalín, representantes dos traballadores sociais do Concello e diversos especialistas na materia de recoñecido prestixio. Tamén haberá representación da comunidade educativa, dos maiores, das persoas con discapacidade e dos emigrantes.

Nicolás González Casares considera esta iniciativa como “unha nova e decidida aposta do Goberno por achegarse aos cidadáns e que participen nas decisións públicas que afectan as súas vidas, a través dun órgano plural e aberto que aproveite e rendabilice os recursos dos que dispón o Concello”. 

7 de setembro de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.