O Concello de Lalín conclúe as obras de rehabilitación do parque de Prado

Parque de Prado
O Concello de Lalín vén de rematar as obras de acondicionamento do parque da parroquia de Prado, cuxas tarefas de rehabilitación e mellora foron executadas recentemente pola brigada de obras municipal. O alcalde considera que o adecentamento do espazo “é un feito moi positivo para Prado e que demostra o interese e o compromiso do actual goberno por manter o rural vivo e en boas condicións”.
Neste senso, Rafael Cuíña apuntou que o parque, que conta con varios elementos ornamentais en homenaxe ao aviador Xoaquín Loriga, “estaba completamente abandonado, polo que a súa mellora era unha vella reivindicación dos veciños que agora se ve cumprida”.
No marco das tarefas de adecuación desenvolvidas polo Concello ten especial relevancia a restauración da fonte situada no centro da praza. Esta atopábase inutilizada e chea de lixo tras anos de abandono. Agora, tras a súa reparación e acondicionamento xa está lista para funcionar. Esta actuación enmárcase no plan de recuperación de fontes do rural proxectado polo Goberno que encabeza Rafael Cuíña e que ten prevista a restauración e posta en funcionamento dos mananciais das parroquias lalinenses.
As melloras no parque de Prado tamén comprenderon obras de adecentamento nos bancos, no piso e nos muros do mesmo, ademais de acometerse amaños nos cadros eléctricos e executarse desbroces e limpeza de maleza.
O Goberno municipal está a traballar na posta en funcionamento dun plan de recuperación integral para o rural lalinense, que marcará unha planificación concreta para a mellora das parroquias e obxectivos a medio e longo prazo. Entre as prioridades máis urxentes deste plan está, precisamente, a recuperación de camiños e fontes, ademais da dotación de servizos dignos a todo o rural lalinense, mellorando o saneamento ou a conexión a Internet, entre outros.











