O Concello de Lalín anima aos lalinenses a participar da variada programación que ofrecen as festas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, fixo un chamamento, en nome do Concello, a que os veciños e veciñas de Lalín participen e traten de desfrutar das festas patronais na honra á Virxe das Dores que dan comezo mañá. Trátase duns festexos cunha oferta musical, cultural e de ocio moi importante e variada, que foron programadas de xeito que poidan ser atractivas para todos os públicos e capaces de contentar a todas e todos os cidadáns que sexan de Lalín ou se acheguen á vila durante os próximos 5 días.

Un dos obxectivos principais que se tratará de cumprir coas celebracións é o de dinamizar social e culturalmente Lalín. Un obxectivo que encadra á perfección coas prioridades do actual Goberno, que persegue, dende a súa chegada ao Concello, encher de vida as rúas e facer que Lalín rexurda e alcance o dinamismo e a vivacidade de antano. Para isto contribúe de xeito moi significativo que a programación dos festexos busque levar as actividades a todas as zonas do casco urbano.

Os actos comezarán a pé da Estatua de Loriga, monumento representativo e símbolo da vila, mañá ás 22.00 horas, co lanzamento do chupinazo por parte de Rafael Cuíña, e coa lectura do pregón, do que se encargará o coñecido e polifacético veciño de Lalín, Celso Taboada.  Tratarase dun acto con moita singularidade ao que todas e todos os cidadáns están chamados a participar. 

Cuíña tamén quixo agradecer, en nome do Concello de Lalín, o traballo da comisión de festas e, en particular, o do seu presidente, Daniel Antelo, polo “esforzo e ilusión postos na organización dunhas festas que se auguran moi exitosas”. Así mesmo, quixo dar as grazas aos veciños e veciñas que coa súa colaboración fixeron posible a celebración das Festas da Virxe das Dores 2015.

17 de setembro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.