O Concello de Carballo reordena o tráfico na contorna do Chorís para mellorar a seguridade dos peóns
Varias rúas situadas na contorna do barrio do Chorís cambiarán o sentido da circulación a partir do venres 4 de setembro con motivo do proxecto de “Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas”, pero tamén coa vontade de mellorar a seguridade viaria dos peóns, nomeadamente dos nenos e nenas que de cotío acoden aos centros de ensino e instalacións deportivas situadas no barrio. Así, mentres que se mantén o dobre sentido na Avenida de Bergantiños, as rúas Vila de Ordes, Vila de Noia e Vila de Cee varían.
A Vila de Ordes terá un único sentido de circulación dende a Avenida de Bergantiños en dirección Vila de Noia; e esta última cambiará de sentido, podéndose circular só dende a Vila de Ordes en dirección Vila de Corcubión; a rúa Vila de Cee, até o de agora de dobre sentido, será de sentido único, de tal xeito que se baixará por ela cara a Vila de Negreira. Por último, a rúa Vila de Corcubión terá sentido único de subida entre a Vila de Negreira e o cruce coa Vila de Noia, mentres que manterá o dobre sentido da circulación no resto do seu trazado. Ademais, a parada de autobuses para transporte escolar do alumnado do CEIP Fogar trasládase dende a Avenida de Bergantiños, onde estaba até o de agora, ata a Vila de Noia, co obxectivo de que os nenos e nenas accedan ao centro pola entrada situada nesta rúa, na que tamén haberá un novo portalón de acceso ao colexio. Deste xeito, afástase aos nenos e nenas do tráfico pesado de camións e de vehículos que circula de cotío pola Avenida de Bergantiños en dirección a Santiago e Ordes.
Entre o xoves 3 e o venres 4 de setembro procederase á sinalización vertical e horizontal coas novas direccións. A Oficina Técnica Municipal e a Policía Local colaboraron na elaboración desta reordenación, e está previsto que dende o venres 4 partir das 13.00 horas, momento en que estará rematada a nova sinalización, e durante algúns días, axentes da Policía vixilen a zona con maior intensidade para avisar aos veciños e veciñas e axudar co seu labor a que se acostumen aos cambios antes do comezo do curso escolar e se minimice o impacto que teñan as modificacións durante os primeiros días do curso. Hai que subliñar que os novos sentidos da circulación serán os que prevalecerán unha vez rematadas as obras de reurbanización no barrio, aínda que a sinalización horizontal é provisional, xa que haberá cortes de tráfico que estarán debidamente sinalizados pola Policía durante o desenvolvemento dos traballos.
Mellora de beirarrúas e pista deportiva
Hai que lembrar que a actuación, por un importe de 344.420 euros, consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal dos depósitos de auga; e con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión. Plantaranse 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva. Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar.











