publicidade hoxe

O Concello de Carballo convida á veciñanza ao acto de entrega da Medalla de Ouro a Conservas Calvo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A corporación de Carballo convida a todos os veciños e veciñas a que asistan ao acto de entrega da Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo que terá lugar o venres 11 de setembro ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O acto estará presidido polo Alcalde, Evencio Ferrero, por parte do Concello; e polos fillos de Luis Calvo Sanz, fundador da empresa, José Luís Calvo Pumpido, María Dolores Calvo Pumpido, María Luisa Calvo Pumpido, Herminia Calvo Pumpido e Luciano Calvo Pumpido, que asisten en representación da empresa e da familia. A cita contará tamén coa actuación musical da cantante Uxía, así como coa emisión dun vídeo elaborado pola empresa para conmemorar os seus 75 anos de historia, que se cumpren este 2015.

Calvo leva celebrando o seu aniversario dende primeiros de ano con especial atención á veciñanza a través do festival de verán Dando a Lata, e tamén cunha festa celebrada o 1 de agosto no Pazo de Vilardefrancos. É a primeira vez que o Concello concede unha Medalla de Ouro desde que aprobara en abril de 1968 o seu Regulamento de honores e distincións, que recolle a posibilidade de concesión de Medallas de ouro, prata e bronce. No caso de Calvo, acordouse a concesión por unanimidade “pola súa acreditada contribución á prosperidade económica da nosa vila e o seu permanente apoio á vida social, cultural e deportiva”.

O recoñecemento quedou así mesmo avalado polas numerosas adhesións de colectivos e entidades, preto de 50, que quixeron sumarse de forma explícita a este recoñecemento. O Concello reitera o seu convite para que quen o desexen participen o venres 11 no acto, aberto a toda persoa que queira asistir.

9 de setembro de 2015 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.