O Concello de Bueu solicitará a rebaixa do IBI para as vivendas das Ons

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+
O alcalde de Bueu na reunión cos veciños con vivendas das Ons

O alcalde de Bueu na reunión cos veciños con vivendas das Ons

Os veciños e veciñas das illas Ons deberán pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI), segundo dispón o último informe recibido polo Concello. O que se vai facer desde o Concello é remitir un informe a catastro para que revise o tipo impositivo e cobre o IBI considerando a singularidade da illa e a propiedade en réxime de concesión, xa que os habitantes da illa son concesionarios e non propietarios. O ente municipal entendía que como a Xunta de Galicia é a titular das vivendas, os concesionarios poderían quedar exentos do pago deste imposto, o que foi desestimado xa que se considera que son os propietarios os que teñen o uso e disfrute das vivendas. Así se lle trasladou aos veciños e veciñas da illa nunha reunión na que estiveron o alcalde Félix Juncal, o asesor xurídico, Calixto Escariz, e a responsable da OMIC, Manuela Millán na mañá de hoxe.

Tras a historia desta illa danse hoxe en día diferentes debates referentes á consideración das vivendas como bens demaniais sometidos á titularidade da Xunta e cunha taxa anual (canon) que varía en función da superficie ocupada: desde 4 euros por metro cadrado no caso das vivendas a 1 euro por metro cadrado en terreos de fincas. A lei que establece o sistema de concesións administrativas para as vivendas de Ons é a 5/2001, aprobada en xuño de 2001 polo Parlamento de Galicia, que se leva a cabo polo decreto 174/2010 do 1 de outubro, que é o obxecto do litixio e contra o que o Concello apelou. Nunha reunión na que estiveron practicamente a totalidade dos veciños e veciñas da illa, os representantes do Concello manifestáronlles unha vez máis o seu apoio, e avogaron polo cambio da lei para pasar de concesionarios a propietarios. “Consideramos que a solución das Ons está mal conducida pola vía da concesión”. Neste senso, e vendo que é unha solución a curto prazo, o que se lles propuxo aos concesionarios é que se reduza a superficie das fincas agrarias, polo que o canon baixaría.

Desde o Concello tamén se informou de que posiblemente ao longo do mes de outubro saian as axudas por parte da Xunta de Galicia destinadas a fornecer ás casas que aínda non teñen luz. Esta iniciativa vén esixida por un informe do Valedor do Pobo no que finalmente se recoñece que é a Xunta quen debe solucionar os problemas de falta de luz e auga nas vivendas que aínda non teñen. Neste sentido, Juncal manifestouse satisfeito porque “todas as persoas que teñen unha casa nas Ons deberían tela nas mesmas condicións, e cos mesmos servizos e dereitos”.

23 de setembro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.