O Concello de Bueu recibe a confirmación de Portos para as obras de mellora do mercado tradicional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu recibiu hoxe a confirmación de portos para proceder á contratación das obras de adecuación física e mellora do espazo destinado a mercado tradicional de venda de excedentes da horta, polo que mañá se comezará co expediente de contratación das obras. Estas obras están orzamentadas en case 40.000 euros, e contan cunha subvención de 27.408 euros que achega a Consellería de Economía e Industria no marco do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013.

En concreto, preténdese eliminar os parasois dos postos, caixas e demais e substituílos por toldos para cubrirse das inclemencias meteorolóxicas, ademais da construción de bancadas para a venda deses produtos, que tamén servirán de bancos cando non haxa mercado. Segundo apuntou o alcalde buenense, esta iniciativa pretende “poñer orde e estética” , ao tempo que será unha forma de que os vendedores comecen a cumprir o decreto de venda directa.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, e máis o xefe territorial de industria, Ignacio Rial, acompañaron ao alcalde a  semana pasada ao mercado para ver in situ as medidas de renovación que propón o goberno de Juncal. 

16 de setembro de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.