O Concello de Bueu publica a listaxe provisional de admitidos para a selección de monitores deportivos
A listaxe de admitidos provisionais para as tres prazas de monitores deportivos no Concello de Bueu ascende a cincuenta e sete persoas. Así figura na lista provisional que seu publicou no día de hoxe no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello de Bueu. A partir de mañá, os aspirantes dispoñen de tres días hábiles para presentar alegacións, prazo despois do cal se publicará a lista definitiva e a data das probas.
Tal e como se establece nas bases, os monitores serán seleccionados para ocupar tres prazas durante nove meses e desenvolver o programa Bueu Concello Saudable. Entre as esixencias para optar ao posto pedíase estar en posesión do Título Superior en Animación de Actividades físicas e deportivas, xa que as funcións serán impartir as clases de ximnasia para maiores, ximnasia de mantemento, ximnasia para persoas con mobilidade reducida, metroximnasia, ximnasia prenatal, ximnasia para persoas con discapacidade intelectual e pilates.
O procedemento de selección consistirá nun único exercicio obrigatorio e eliminatorio, e consistirá en responder un cuestionario tipo test, de 20 preguntas sobre o temario incluído no anexo das bases: organización do deporte municipal, programas de animación deportiva, aspectos fisiolóxicos da actividade físico-deportiva, execución de programas de actividade física-deportiva, criterios de prevención de lesións deportivas, o deporte escolar, normativa de uso das instalacións deportivas, equipamento das instalacións deportivas, e as instalacións e dotacións deportivas do Concello de Bueu.











