O concello de Ames será pioneiro en premiar o aforro da auga
O Goberno de Ames estuda a modificación das tarifas do abastecemento de auga para que os abonados e abonadas paguen pola auga que consumen. Na actualidade hai fixada unha cota mínima mensual de 15 m3, tarifa que ao goberno de Ames lle parece excesiva e inxusta para os usuarios/as, xa que non fomenta o aforro da auga, dado que paga o mesmo unha vivenda que consume 3 m3/mes que unha que consume 15 m3/mes. Coa modificación das tarifas, o goberno pretende potenciar e primar a aqueles usuarios e usuarias que aposten polo aforro da auga. Na actualidade as ordenanzas municipais non recollen ningunha bonificación para quen consume menos auga.
Segundo informa o goberno de Ames, na actualidade fixar consumos mínimos vai en contra da directiva 2000/60/CE Marco da auga. Esta directiva fixa que a partir do ano 2010, os Estados membros deberán garantir que a política de tarificación incite aos consumidores para utilizar os recursos de forma eficaz, e que os diferentes sectores económicos contribúan á recuperación dos custos dos servizos relacionados co uso da auga, incluídos os custos ambientais e de recursos.
Na actualidade o goberno municipal e os servizos técnicos, conxuntamente coa UTE Acciona-Espina están a estudar fixar unha cota variable con varios tramos para pagar en función do consumo. Neste momento existen tres tramos: un mínimo: 15 m3/abonado mes, un segundo tramo de 15 m3 a 35 m3/abonado mes e un terceiro de máis de 35 m3/abonado mes.
“Os estudos existentes revelan que a media que consume unha persoa en España está entre os 3 e os 4 m3 ao mes (entre 100 e 130 litros ao día), por iso nun primeiro tramo deberíase de comprender ata esta cantidade de consumo, xa que nel se atopan as vivendas de baixo consumo e xubilados, especialmente, e deberíase de bonificar aos consumos dentro deste bloque premiando así o aforro”, manifesta o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, quen tamén afirma que “nun segundo bloque deberiamos incluír os tramos de consumo máis habituais da maioría das familias. Os metros cúbicos consumidos dentro deste tramo deberían de ter un prezo similar á tarifa media. Sería o prezo xusto. Non se estaría nin bonificando e penalizando e despois deberíase fixar un ou máis bloques onde xa non se fai un consumo responsable da auga. Son consumos excesivos e por tanto o prezo deste tramo debería de ser superior á media, penalizando así aos usuarios e usuarias que malgastan a auga ou fan un uso abusivo da mesma”.
A maiores, o goberno está a estudar a posibilidade de fixar outros grupo específico de bonificacións, tal e como pode ser unha tarifa social para as persoas sen recursos e/ou en situación de emerxencia social, garantindo, ademais, que ningunha persoa quede sen auga por impago si se acredita a falta de recursos e tamén unha tarifa especial para familias numerosas, ampliando o segundo tramo (de consumo habitual) para as vivendas que acrediten ter certo número de persoas empadroado nas mesmas.
Na actualidade non existe ningunha bonificación na ordenanza municipal.
De igual xeito, o goberno tamén traballa nas cotas do consumo comercial e do consumo industrial para buscar unhas tarifas máis acordes ao gasto de auga.
“É importante destacar que os usuarios e usuarias van a pagar en función da auga que consuman, sen a existencia de mínimos. Imos a ser o primeiro concello da comarca e un dos poucos de Galicia que apliquemos a directiva 2000/60/CE Marco da auga no que se refire á tarificación”, manifesta Blas García.











