O Concello de Ames acomete tarefas de limpeza e desbroce no cemiterio municipal

Tarefas de limpeza
O Goberno municipal ten a intención de abrir o antes posible o cemiterio municipal que se atopa no lugar dos Batáns. Esta infraestrutura municipal necesita un profundo acondicionamento. Debido a iso estanse buscando diferentes vías de financiamento para poder acometer estas reparacións. Mentres tanto o goberno municipal xa comezou cunha primeira fase de acondicionamento con medios propios. Un grupo de traballo da brigada de obras está realizando tarefas de limpeza e desbroce nesta instalación municipal.
Un grupo de traballo, que está formado por cinco peóns e un encargado, está realizando tarefas de limpeza e desbroce no cemiterio municipal dende a semana pasada. Estes operarios forman parte da brigada de obras. Deste xeito, o Concello de Ames comezou unha primeira fase de acondicionamento desta infraestrutura municipal. Os traballos de limpeza estanse realizando tanto na zona de aparcamento coma no recinto interior do cemiterio. Principalmente, consiste en cortar e eliminar a maleza existente (xestas, toxos e outro tipo de vexetación), sempre respectando as plantas ornamentais existentes nas zonas axardinadas.
A través destes traballos con medios propios o goberno municipal trata de abaratar os custes que ten a posta en funcionamento desta instalación municipal. Cómpre lembrar que a memoria valorada que elaborou o arquitecto, que se ocupou da obra dende o inicio, recolle un estudio cuantificado e en diferentes partidas que permitise coñecer a contía exacta necesaria á que o Concello tería que facer fronte. Esta memoria valorada amosa a necesidade dun esforzo económico que ronda o medio millón de euros no que case a metade da partida vaise no solado.
Segundo explica o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, “dende o goberno estamos estudando diferentes alternativas de cara a conseguir os fondos necesarios para a posta en funcionamento do cemiterio. Pero co fin de ir avanzando puxemos en marcha esta primeira fase de acondicionamento, mentres agardamos a dispoñer de fondos para continuar co arranxo das desfeitas que presenta esta infraestrutura no tocante aos edificios, que se atopan practicamente desmantelados, así como da instalación eléctrica e do alumeado público”.











