O Concello da Laracha completa a cobertura da rede de sumidoiros no igrexario de Lendo

Obras de saneamento
O Concello da Laracha está a acometer e financiar integramente con fondos propios municipais unha actuación no Igrexario de Lendo dirixida a completar a rede de sumidoiros e ofrecer cobertura integral do servizo de saneamento e depuración de augas residuais á totalidade das vivendas situadas neste núcleo de poboación.
No Igrexario de Lendo residen actualmente preto de corenta veciños segundo datos do padrón municipal de habitantes e todos eles terán nos próximos días acceso a este servizo municipal.
As ampliacións das redes de saneamento e depuración de residuais, así como o aumento na cobertura do abastecemento de auga, son actuacións que no Concello da Laracha se desenvolven con certa frecuencia por ser considerados polo goberno municipal investimentos prioritarios. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos veciños residentes na zona rural, na que existen máis de trescentos núcleos de poboación en todo o termo muncipal.











