O Concello da Coruña solicita unha xuntanza coa ministra de Medio Ambiente para falar da Ría do Burgo
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto cos rexedores de Culleredo, Oleiros e Cambre (Julio Sacristán, Ángel García Seoane e Óscar García, respectivamente) ademais da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo e a Confraría de Pescadores da Coruña (integrada no anterior organismo), todos dentro da Mesa de Seguimento do Saneamento Integral da Ría do Burgo, pediron mediante unha misiva unha xuntanza coa Ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, a fin de analizar o proxecto de actuación que prepara para a recuperación deste espazo natural. “Solicitamos unha reunión o antes posible, ou ben en Madrid, ou ben na cidade da Coruña, para que expoña a execución do proxecto do dragado da ría cos prazos e as partidas orzamentarias para tal fin” que prepara o Goberno central, indica a carta remitida a Tejerina.
Do mesmo xeito, e tamén mediante outra misiva, os integrantes da Mesa da Ría do Burgo solicitan a presenza da conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, na reunión que manterán o próximo 1 de Outubro. A intención dos membros desta Mesa de Seguimento é que a Xunta de Galicia colabore á hora de analizar o proxecto que prepara o Ministerio. “Esperamos da súa Administración que nos manteña informados en primeira persoa do desenvolvemento das distintas fases nas que se atopa o proxecto que o Goberno central está a redactar, o calendario a seguir até que comece o dragado, ademais de cando está previsto que as máquinas comecen os traballos”, explican na carta remitida a conselleira. “Gustaríanos tamén que participase nesta Mesa da Ría para que conxuntamente poidamos definir as actuacións, o seu calendario, así como as partidas orzamentarias necesarias a tal fin”, apúntase no escrito.
Por último, e a petición do Concello da Coruña, os integrantes da mesa de seguimento solicitaron ao reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, a colaboración da UDC para realizar unha análise das labores de dragado que pretende poñer en marcha o Ministerio de Medio Ambiente, Alimentación e Agricultura. “Sabemos que xa noutras ocasións contamos co apoio da Universidade con resultados moi positivos. Sería para nós unha gran axuda poder contar cun grupo de investigación creado na UDC para poder facer un seguimento do dragado da nosa ría, e tamén para darnos o apoio técnico que se sexa necesario para verificar que o dragado se realiza con todas as garantías necesarias”. A Universidade tamén foi convidada a participar na próxima xuntanza do 1 de Outubto. 2











