O Concello da Coruña solicita á empresa de mantemento da rede semafórica que manteña o actual número de postos de traballo deste servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Reunión dos edís con representantes da empresa

Reunión dos edís con representantes da empresa

Os concelleiros de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, reuníronse este mércores con representantes da empresa UTE TelventAluvisa, que se encarga do mantemento e reparación da rede semafórica da cidade. Os edís convocaron a reunión para revisar as últimas baixas producidas na compañía e solicitar explicacións sobre o motivo polo cal estas non foron comunicadas en tempo e forma ao Concello.

Así, na citada xuntanza, os representantes do Concello solicitaron á empresa que lles remita o actual organigrama actualizado do servizo que presta. Tamén se lle comunicou a TelventAluvisa que estas baixas laborais incumpren os Pregos do contrato e son “susceptibles” de desembocar en sancións, ao non ter sido comunicadas ao Goberno municipal nos prazos marcados. Os concelleiros manifestaron a súa intención de que a empresa manteña o actual número de postos de traballo adscritos ao servizo que desempeña coa rede semafórica da cidade. Ademais, manifestaron o seu compromiso de incluír en todos os contratos licitados polo Concello “a consideración como condicións esenciais o respecto polas condicións laborais fixadas nos pregos de contratación”. “O Goberno local será especialmente esixente co cumprimento destas condicións, cuxo incumprimento será causa de resolución do contrato”, advertiron.

Por outra banda, os representantes do Goberno da Coruña emprazaron á empresa TelventAluvisa a unha nova reunión que será convocada en breve.

2 de setembro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.